Un vídeo, que mostraba unha aglomeración de mozos sen respectar as distancias de seguridade diante dun local de ocio nocturno en Vilalba, correu como a pólvora a través das redes sociais, onde numerosos veciños condenaron a actitude das persoas que saen nas imaxes, gravadas preto da medianoite do venres ao sábado. Algúns afirmaron que non é a primeira vez que ocorre.
Desde o Concello aseguran que tomarán medidas e se incrementará a vixiancia das forzas da orde, solicitude que, segundo di a alcaldesa, Elba Veleiro, xa foi remitida á subdelegación do Goberno.
Así mesmo, a rexedora recoñece que non é algo habitual, se ben é certo que na noite deste venres "xuntouse bastante xente, en parte porque o local só permitía a entrada escalonada", e fai un chamamento á "responsabilidade individual, para que se tome conciencia de que se pon en xogo a saúde de toda a sociedade".
Ata o lugar desprazouse a Garda Civil e a Policía Local, que mantiveron a vixiancia ao longo da noite no centro da localidade. "No seu coñecemento está que a etapa de informar pasou, polo que se se dá o caso, abriranse expedientes sancionadores", apuntou Elba Veleiro, quen cifrou en máis de medio cento os expedientes abertos en Vilalba nas últimas semanas polo uso indebido da máscara.