A polega María Antonia López cumpre 101 anos

A centenaria, afincada en Baílle (Suegos) dende hai máis de medio século, estivo arroupada polos seus tres fillos e outros familiares nun día tan especial

María, coa súa tarta de aniversario. EP

A polega María Antonia López celebrou este luns o seu 101 aniversario, acompañada polos seus tres fillos, José, Jesús e Sebastián, pola súa nora Sara e por un dos seus bisnetos, de oito anos.

A festa podía ter sido máis grande, porque a ocasión ben o merecería, pero a prudencia, dada a actual situación, foi a que se impuxo, o que non impediu que María recibise múltiples mostras de cariño de todos aqueles que a aprecian.

Natural da parroquia de Cirio, casou con Vicente Trigo, do que enviuvou hai uns anos, e residiu en distintos lugares antes de afincarse definitivamente no ano 1950 na aldea de Baílle, na parroquia de Suegos, onde traballaría no campo.

Na actualidade está "moi ben", como destaca a súa familia, o que lle permite dedicar o seu tempo a ler. Encántanlle as publicacións que recollen a historia do seu municipio natal, coma un libro que fala daqueles veciños que foron á guerra, e tamén lle gusta estar informada a través da prensa escrita. É unha lonxeva lectora de El Progreso.

Parabéns, María!   

Comentarios