O poeta chairego Xosé Otero Canto recibe dous novos premios literarios

Acaba de recoller un galardón en Ourense e este xoves entregaranlle outro en Ames

Xosé Otero Canto. CRISTINA ARIAS
photo_camera Xosé Otero Canto. CRISTINA ARIAS

O poeta de Ponte de Outeiro Xosé Otero Canto, un clásico entre os premiados dos certames dos concellos chairegos, acaba de sumar dous galardóns máis ao seu extenso currículo, un en Ourense e outro no Concello de Ames.

O primeiro, o de Ourense, gañouno con em Sinódica luz, un poemario con máis de mil versos -máis de cen páxinas- que será publicado pola Editorial Cuestión de Beleza, que se estreaba este ano co I Premio de Poesía Galega.

"En realidade son dous poemarios, un fala da luz e outro da sombra", expresa o poeta, optimista con este novo recoñecemento. "O premio é a publicación e é moi positivo para un poeta, porque conseguir a publicación dun traballo xa é todo un luxo", expresa Otero Canto.

A primeira parte de Sinódica luz divídese en varios capítulos -Eido do gozo, Eido da soidade, Eido do baleiro e Eido do desacougo- nos que o autor fala sobre as emocións, os sentimentos e os cambios, que como a luz, di, vanse experimentando. "É unha percepción para cada individuo", indica Otero Canto.

A segunda parte, baixo o título de Mar global, é un poemario sobre a globalización, "en contra do capitalismo infernal", "unha reivindicación da clase media en contra dos poderes fácticos do capital", explica o autor, que indica que esta parte de escuridade engloba 31 poemas sen título, precedidos só por díxitos romanos.

A maiores do galardón logrado en Ourense, que o autor acaba de recoller estes días nun acto celebrado na Librería Eixo, Otero Canto conseguiu este ano outro máis, concretamente o primeiro premio, na categoría de poesía de maiores de 18 anos, do XV Certame Literario convocado polo Concello de Ames.

"É un nivel máis pequeniño, pero tamén está ben", di con humildade o poeta de Ponte de Outeiro, que explica que neste caso o traballo galardoado foi Somos nós.

"Era un poema máis extenso, de máis de cen versos e tiven que reducilo, co difícil que é amputar un poemario", explica o autor, á vez que indica que a temática é unha retrospectiva dos galegos desde os anos 50 ata a actualidade.

O premio, que recollerá este xoves en Ames, inclúe unha recompensa económica de 280 euros. "Ademais estas convocatorias sempre serven para darte a coñecer entre o público e para mostrar a túa obra", conclúe o Otero Canto.

Comentarios