O poder gandeiro resucita na Gañidoira

Muras recuperou tras un ano de parón pola pandemia a Feira do Poldro, que tivo menos actividades pero igual afluencia de público
undefined
photo_camera Visitantes nun dos curros da feira. MARTA MANCEBO

As feiras de gando son citas claves no calendario de toda a provincia. Xa eran importantes antes da pandemia, e tamén o son agora, tal e como quedou demostrado este domingo no Alto da Gañidoira, onde ese gran poder de convocatoria quedou patente nunha nova e exitosa edición da Feira do Poldro e do Gando de Montaña de Muras, que aínda que con menos actividades na súa programación debido ás restricións vixentes, logrou igualar case as cifras de asistentes de anos anteriores.

undefined

A cita, que sumou este domingo 33 edicións e conta co recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia dende 2019 -só puido celebrar un ano co título, este foi o segundo-, permitiu aos veciños e visitantes percorrer un total de 22 curros nos que se ubicaron "ao redor de 250 animais" de diferentes procedencias, segundo explicou a concelleira Belén Chao, satisfeita polo resultado dun evento ao que o público "lle tardaba moito vir".

"Parece que custou un pouco arrancar. A xente non chegou tan cedo como outros anos, pero houbo practicamente a mesma cantidade de asistentes. Tiñan ganas de feira, notouse», confirmou Chao, recalcando que ademais do gando vacún e cabalar -cuxas cifras totais foron algo inferiores a edicións anteriores-, tamén se instalaron unha trintena de postos de venda de roupa, apeiros ou produtos de alimentación e mesmo maquinaria agrícola.

A climatoloxía foi clave e tamén xogou a favor dunha esperada feira cuxa animación musical correu a cargo da charanga Os Trileros de Guitiriz e que tamén ofreceu a posibilidade de xantar dentro do recinto -os postos para facelo tamén foron menos que outros anos debido a que "moitas das empresas do sector están en Ertes", explicou Chao-.

undefined

Ademais, os máis pequenos tiveron a oportunidade de introducirse no mundo do cabalo grazas aos paseos promovidos por Puraga, que tamén lles ensinou algúns dos coidados básicos que precisan estes animais.

No recinto feiral, que nesta ocasión só abriu durante a sesión de mañá, rexistráronse tamén boas transaccións, segundo explicaron algúns dos gandeiros asistentes, confirmando ademais que os prezos atópanse actualmente en alza.

"No caso dos poldros están subindo ao redor de 30 céntimos cada ano, iso é unha barbaridade", indicou un dos asistentes, mentres outro confirmou que na cita de este domingo "houbo movemento, cargáronse animais para fóra porque hai moita demanda", derivada tamén da problemática do lobo.

A maioría dos gandeiros que decidiron achegarse ata Muras -algúns fixéronno incluso por primera vez- amosáronse satisfeitos co resultado "positivo" da feira, que tivo unha "moi boa acollida" despois do ano de parón obrigado pola pandemia.

Comentarios