O pleno rexeita o proxecto de Adif para suprimir os pasos a nivel en Parga

Os cinco grupos da corporación guitiricense secundan as peticións veciñais e solicitan que a vía se desvíe por fóra do pobo

Os cinco partidos con representación na corporación de Guitiriz apoiaron o venres unha moción defendida polo BNG para rexeitar o proxecto presentado por Adif para suprimir os pasos a nivel de Parga.

O texto incluía non só rexeitar o proxecto, senón tamén a petición de que se redacte outro que recolla que a vía se desvíe por fóra do pobo. Esta é a única opción que contemplan os veciños, tal e como llo transmitiron tanto ao BNG como ao PP en sendas reunións informativas convocadas por estes partidos ao coñecerse a proposta.

O portavoz do BNG, Xosé Lois González Souto, Pereira, incidiu ademais na necesidade de que calquera decisión que se tome sexa acordada cos veciños e principais afectados, que deben estar informados os avances nas negociacións.

"Non ten sentido asegurar a seguridade dunha vila desfacéndoa", sentenciou Pereira, recordando que a opinión xeneralizada é que a construción dun paso subterráneo para vehículos no centro do pobo e de dous elevados para peóns nos extremos da localidade, así como o valado da vía, só contribuirán a dividir Parga en dous.

"Nós non imos ir en contra do pobo de Parga, son os que teñen que decidir e nós apoiaremos o que eles queiran", dixo o popular Xosé María Teixido, mentres o edil non adscrito Jordi Blengua cualificou esta decisión como "transcendental para o futuro de Parga", á vez que defendeu que "o desvío da vía pola zona norte parece como a alternativa máis lóxica".

"Non se pode dividir Parga en dous", indicou o independente Jesús Veres, quen ve necesaria unha reunión con Adif, pola que tamén se interesaron o resto de grupos.

A alcaldesa, Regina Polín, asegurou que "nunca imos aprobar un proxecto do que a veciñanza non estea a favor", e avanzou que xa solicitou unha reunión con Adif, que aínda non respondeu. Polín explicou ademais que Adif remitira novamente o proxecto para sometelo a votación plenaria e, tras consultar a validez da votación coa secretaria, todos os grupos aceptaron que o feito de rexeitar a moción implicase tamén rexeitar o proxecto, sen necesidade de levalo de novo a pleno.

CASA DA BOTICA. Onde non houbo acordo posible foi na aprobación do convenio de colaboración coa Deputación para que esta rehabilite a Casa da Botica como centro de atención ás persoas maiores. O grupo de goberno logrou aprobar o punto só cos seus seis votos, tras a abstención de Blengua, Pereira e Veres e con catro votos en contra do PP.

A alcaldesa defendeu a necesidade da residencia, punto no que todos coinciden, e a idoneidade do lugar, coa que só o BNG está de acordo. A oposición tachou o acordo de "electoralista", xa que a obra debe estar finalizada en maio de 2019, e expuxo cuestións como quen vai asumir a dotación de mobiliario ou a xestión, así como de quen será a titularidade, ao que Polín respondeu que municipal, xa que a Deputación só executa as obras.

Comentarios