A plataforma de Guitiriz #VoltaremosXuntos organiza encontros virtuais

A hostaleira Pilar García e a doutora Eva López falarán en directo este domingo, ás 16.00 horas, en Instagram

Sabían que querían facer algo todos xuntos, pero non sabían moi ben como, ata que a boa acollida dun vídeo conxunto da hostalaría de Guitiriz, baixo o lema #VoltaremosXuntos, lles deu unha pista do camiño a seguir. Nacía así a plataforma homónima en Instagram, que este xoves debutou cun exitoso directo cos tres impulsores da iniciativa. Hoxe, ás 16.00 horas, será a segunda sesión, coa intervención da doutora Eva María López Roca, subdirectora do Hospital da Mariña.

«O vídeo gustou moito, a xente pedía algo así, tiñan ganas de vernos», explica o hostaleiro Chito Corbelle, promotor, xunto a Andrés Fernández e Pilar García, destes foros virtuais. «A xente ten ganas de socializar», destaca, incidindo en que a plataforma está aberta a toda a veciñanza que queira sumarse e facer cousas. Nela xa se poden ver tamén vídeos de ánimo do club Btteiros Cova da Serpe ou do fútbol sala e está previsto subir outros do Concello de Guitiriz, dos alumnos de pilates ou do equipo de fútbol.

«Creo que fixo ilusión que se fixese a charla», di Andrés Fernández, sorprendido coa boa aceptación que tivo unha iniciativa á que confía en poder ir incorporando a máis xente do pobo.

«Foi unha marabilla, eu paseino xenial, para min foi como estar no bar, porque ao final é coma unha charla de taberna e como estar vendo aos clientes», apunta Pilar García, que esta tarde repetirá experiencia nunha conversa coa primeira convidada dos directos, a médica guitiricense Eva López. 

«A iniciativa é excelente, porque é unha forma de manternos conectados e de desenvolvernos no plano social», di a doutora, que aceptou a invitación «para colaborar co meu pobo e co sector que tanto nos deu».

Como profesional da sanidade, Eva López viviu en primeira persoa os efectos da pandemia, polo que na súa intervención abordará cuestións relacionadas coa saúde e coa atención sanitaria ademais de compartir a súa experiencia laboral e calquera outra cuestión que poida xurdir na charla coa súa amiga Pilar.

O directo prolongarse durante unha hora, o máximo que permite Instagram, e será ás 16.00 horas, a hora fixada para esta sesión dominical. O seguinte foro virtual, no que está previsto que Chito Corbelle converse con dous guitiricenses que están a vivir os efectos do coronavirus no estranxeiro, será o martes ás 22.00 horas. A outra sesión das tres previstas cada semana será o xoves, tamén ás 22.00 horas, da man de Andrés Fernández, que terá como convidado a Alfonso Blanco.
 

Comentarios