A piscina climatizada da Pastoriza estará operativa en novembro

O Concello acaba de sacar a concurso público "e pola vía de urxencia" a xestión dunha instalación moi demandada polos veciños e que leva case unha década construída

Piscina climatizada de A Pastoriza. AEP
photo_camera Piscina climatizada da Pastoriza. AEP

A piscina climatizada da Pastoriza estará operativa "a principios de novembro". Iso é o que espera a tenente de alcalde, Elva Carreira, quen anunciou este martes a publicación dos pregos de condicións para a adxudicación da xestión dunha instalación moi demandada polos veciños e que leva case unha década construída.

"Decidimos publicalo pola vía de urxencia co obxectivo de axilizar ao máximo os prazos, xa que nos atopamos moitos atrancos polo camiño e queremos abrila para este curso", explica Carreira, quen recorda que se trata "dun procedemento aberto, sempre e cando as empresas interesadas cumpran cos requerimentos".

O prazo para presentar os proxectos estará aberto ata o próximo 2 de outubro. As firmas interesadas poderán atopar toda a información na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia.

En caso de cumprir cos requisitos, poderán optar a un contrato de explotación "que será de tres anos e con prórrogas dun ano ou como moito de dous", engade a tenente de alcalde, facendo fincapé en que a adxudicataria deberá cumprir cunha serie de obrigacións.

"Non só se encargará da xestión, senón tamén da limpeza, conservación e mantemento, atención e control dos usuarios, prestación de docentes para as actividades que se desenvolvan e seguridade da instalación", indica Carreira, confirmando que o contrato anual ascende a 431.304,50 euros, mentres que o total dos tres anos suma 1.293.913,50.

"Á hora de escoller á empresa non só nos imos fixar nunha cuestión económica. Os criterios de avalización van máis alá e o que buscamos é ter un servizo óptimo e de calidade para os usuarios", engade a tenente de alcalde, que antes da apertura oficial abrirá un período para que todos aqueles interesados en facer uso desta instalación municipal poidan matricularse ou facerse socios.

A ordenanza que regulará o funcionamento da piscina climatizada pastoricense está pendente da súa aprobación en pleno. Nela recóllense, entre outras cuestións, os prezos, horarios e actividades que se desenvolverán, aínda que estes tamén dependerán dos usuarios.

"Non temos unha cifra exacta dos que van ir á piscina, pero os datos que barallan os asesores falan duns 300", indica Elva Carreira, esperanzada en que este sexa o paso definitivo para abrir a instalación deportiva, que conta con piscina, zona de spa, ximnasio e vestiarios.

"Sacar a xestión a concurso é un paso importantísimo, pero só estarei satifeita cando a xente poida empezar a nadar alí", conclúe.

Comentarios