Pioneiro en soñar cambios

Di que foi o primeiro socialista de Vilalba porque "non había outros". Julián Prieto, de 98 anos, bisbou un desexo a Pedro Sánchez e cumpriuse en maio: ver o PSOE na súa vila 
photo_camera Julián Prieto, coa imaxe con Pedro Sánchez. C.ARIAS

Di que foi o primeiro socialista de Vilalba, non por carné —aínda que si foi militante algún tempo— senón porque "non había outro". Pero deixando números a un lado, Julián Prieto, de 98 anos, o que si, foi un  pioneiro que soñou o cambio.

No ano 2016, cando o PP enlazaba maiorías absolutas en Vilalba, bisboulle un soño a Pedro Sánchez nun  mítin na capital chairega: ver ao PSOE gobernando na súa vila. A súa foto, cunha rosa na man e abrazado ao presidente do Goberno en funcións, saltou a tódolos periódicos convertíndose nun símbolo —Julián  participou no vídeo de campaña do PSOE de Vilalba deste ano— e, aínda que cando murmurou o seu desexo expectativas daquela non tiña moitas, puido ver como se cumpría o pasado mes de maio.

Que sentiu? "Estiven contento, tiven alegría", di un home "moi democrático" que nunca deixou de votar e que asiste a tódolos plenos sempre que pode, como acudía tras a Transición a tódolos mítines en Vilalba,  independentemente do partido que fose para "escoitar", aínda que as súas ideas foran moi claras. 

Julián naceu na parroquia xermadesa de Cazás en 1921 e chegou a Vilalba despois de casado. Seu pai foi concelleiro socialista en Xermade na República e el tiña 14 anos cando empezou a Guerra Civil. "O 18 de xullo de 1936, estaba en Segovia de segador", recorda, e rememora con "algo de temor" tempos escuros e de miseria.

"Meu pai fora concelleiro e había fusilamentos pero el tiña boa relación cun conservador do concello por unha venta dun trozo de monte e cando veu a guerra sabían iso. Da  parroquia levaron tres detidos pero el non tivo problemas. Abríronlle expediente, iso si", di.

En 1942 fixo a mili en Ferrol, a última xeración que non foi á guerra. "Eu fun de sempre co PSOE, xa era meu pai. Os veciños chamábanme comunista pero non tiven medo a falar", di, e fala dunha imaxe recurrente,  "sempre coa orella pegada á Radio Pirenaica, como meu pai".

Julián, que foi algunha vez nas listas do PSOE vilalbés, "pero sempre suplente", acaba de inmortalizarse noutra foto para a historia. Yolanda Purriños gañou hai pouco un premio en Granada cun retrato del e a súa muller.

Comentarios