Pino despide o presidente da súa asociación de veciños, Moisés Paz

photo_camera Moisés Paz. AEP

A parroquia cospeitesa de Pino choraba este xoves polo pasamento dun dos seus veciños máis queridos, Moisés Paz, que durante máis de dez anos ocupou a presidencia da asociación veciñal e da que comezou a formar parte dende os seus inicios. 

Os que o coñeceron de preto destacan del o seu "carácter afable e amable, sempre receptivo" para todas cantas propostas se lle facían, sobre todo, as relacionadas co eido social e cultural. "Nunca dicía que non, traballar con el era fácil e era a persoa na que nos apoiabamos para todo", lembra Inés Lozano, compañeira de directiva dende os primeiros pasos da entidade.

Unha das últimas tarefas nas que estivo inmerso, xunto aos compañeiros da Asociación Cultural San Martiño de Pino e a Culturalia GZ, foi o certame literario Torre de Caldaloba, unha cita coa que sempre amosou "moitos ánimos para que seguira adiante". Este venres remata o prazo para presentar traballos e con el "temos que dicirlle adeus terreal", lamentaba Martiño Maseda, e o día no que todos se acheguen á fortaleza cospeitesa pola que Moisés loitou, será homenaxeado, por ser "a cabeza visible, por apoiar, acompañar e pelexar", aínda que nos últimos tempos "non podía estar tanto como quería, pero sempre estivo aí". 

Moisés Paz faleceu este pasado mércores e será soterrado hoxe, venres, ás 16.00 horas no cemiterio de Pino, a parroquia que o viu nacer. Di adeus despois de media vida adicado laboralmente ás canteiras de Candamil e tras unha longa enfermidade, contra a que pelexou "ata o final". Deixa, con só 56 anos, a súa muller e a súa nai e toda unha familia e uns veciños que choran a perda dun "home bo" e implicado con todos os seus.