Pinceladas de realidade

O pintor guitiricense Ovidio Escolante expón no Madia Leva de Baamonde unha colección con 14 retratos e paisaxes, que pode verse ata mediados do mes de xullo

Ovidio Escolante, no Madia Leva. JAMY CORRAL
photo_camera Ovidio Escolante, no Madia Leva. JAMY CORRAL

"A miña satisfacción é pintar, nada máis", di o artista guitiricense Ovidio Escolante, autor dos 14 cadros que enchen de cor e de realismo as paredes do Madia Leva de Baamonde ata mediados do mes de xullo. Sete retratos femininos, dos que probablemente ninguén recoñecerá ás súas protagonistas, e sete paisaxes, onde quen coñeza a zona quizais poida identificar recunchos de Guitiriz, de Parga ou de Baamonde.

"Vin que había varias exposicións e animeime, pero sen pretensión ningunha, só para que a xente coñeza a miña pintura", explica Ovidio sobre as razóns que motivaron unha mostra que segue a estela doutras de ámbito local, pero tamén das exposicións colectivas organizadas en Barcelona ou na localidade francesa de Béziers. 

O estilo realista é o sinal de identidade e o óleo a técnica predilecta dun artista que se familiarizou coa pintura "cando andaba en patucos". Seu avó era restaurador e seu pai tamén era pintor afeccionado, así que se pode dicir que aprendeu a manexar os pinceis case ao mesmo tempo que a andar. E por aí encamiñaría tamén os seus pasos profesionais, exercendo de pintor e de carpinteiro ata que lle chegou a hora de xubilarse.

Porén, é a posibilidade de  combinar as cores para conseguir plasmar con exactitude amenceres ou solpores, facianas ou expresións, a forza da agua ao bater nas pedras ou o movemento dunha herba abaneada polo vento, o que realmente sempre o cautivou, independentemente de que sexan eses, ou outros, os motivos a plasmar. 

E é que Ovidio asegura non ter unha temática predilecta, pois di que hai cuestións coma a "época" ou os "estados de ánimo" que inflúen nel á hora de enfrontarse a un lenzo en branco. Iso si, sempre que lle é posible, prefire pintar en vivo, inspirarse directamente non só no que se ve, senón no que se percibe aínda que, como recoñece, "ás veces non se pode e hai que tirar de fotografía".

E canto tempo lle reserva Ovicio Escolante á pintura? "Practicamente, todo o tempo dispoñible" asegura, sen dubidalo nin un segundo. O froito desas moitas horas, semanas, meses e anos de dedicación pode aprezarse en cada unha das súas obras, das que son un bo exemplo as escollidas para a exposición do Madia Leva, unha mostra que convida á xente "a que vaia vela e xulgue".

A colección non ten título. Non o precisa. Porque como di este veciño do Curro Vello: "A miña satisfacción é pintar, nada máis". E nada menos.
 

Comentarios