Pilar Gómez: "Inauguramos A Carballeira este venres, a partir das 18.00 horas"

A esta veciña da parroquia de San Xiao de Mos, en Castro de Rei, sempre lle gustou a hostalaría, na que traballou tanto de moza, nos seus comezos laborais, como nos últimos tres anos. Por iso, decidiu dar un paso adiante e abrir o seu propio negocio, A Carballeira, que se inaugura este venres, día 4, na Praza de Galicia de Castro
Pilar Gómez, que abre A Carballeira en Castro. EP
photo_camera Pilar Gómez, que abre A Carballeira en Castro. EP

A que hora será a inauguración?

A partir das 18.00 horas teremos a xornada inaugural. Haberá pinchos e a segunda consumición será gratis.

Que a levou a apostar por abrir A Carballeira?

Xa estaba traballando en hostalaría, dixéronme que se alugaba este local e, como sempre me gustou este traballo, decidinme a collelo. A verdade é que estou moi ilusionada, teño moitas ganas de empezar. Tamén teño que agradecer o apoio da miña familia, que en todo momento me animou a dar o paso, e aos propietarios do local, polo ben que me trataron.

Que horario terá e que servizos ofrecerá?

A idea é abrir dende as 7.00 horas ata o peche, dependendo da xente e tamén do que nos permita a normativa. E imos ter pratos combinados, bocadillos, hamburguesas e churrasco por encarga.

Canta xente vai traballar?

De momento seremos tres, unha cociñeira, unha camareira e eu. Empezaremos así e despois iremos vendo.

Fixeron moitos cambios no local?

Non moitos, a barra segue sendo un barco, pero si que o reformamos un pouco. Por exemplo, cambiámoslle a cor para darlle máis luz, máis vida.

Que lle está a dicir a xente sobre esta aposta?

Un pouco de todo, hai quen me di que teño valor, tendo en conta a crise que hai, e outras persoas dixéronme que estaban contentas, porque facía falta algo así.

Comentarios