Pel de cores nas Pontes

A pontesa Paula Cao e o coruñés Adrián Lareo apostaron en plena pandemia pola súa paixón e abriron a principios de xuño o primeiro estudo de tatuaxes do municipio 
undefined
photo_camera Paula e Adrián, de KO Tattoo de As Pontes. C.ARIAS

A pandemia a algúns os deixou sen traballo. A outros lles deu a forza para apostar, como a pontesa Paula Cao e o coruñés Adrián Lareo, que en xuño montaron o seu propio negocio e abriron KO Tattoo nas Pontes, o primeiro estudo de piercings e tatuaxes do municipio.  

"Levo moitos anos tatuando, pero traballando de camareiro. Tatuaba en casa, levaba catro anos vivindo aquí e vendo que había clientela decidimos apostar. Agora vingo contento a traballar", di Adrián, o tatuador de KO Tattoo, que se abre tras unha fachada na que Sergio Picos, do estudo de arte Comeluz, recreou a casa de Dragon Ball.

"Dábanos medo. O local é alugado, pero fixemos un investimento grande, entre obras e a cabina a medida. Por unha banda está o prol de que non había ningún estudo nas Pontes, pero ao mesmo tempo é un contra. é un pobo, non te aseguras igual a clientela e dáche medo que isto sexa unha moda e póidase frear", explica Paula, que se encarga de facer algúns piercings, mentres fala de que "hai moita competencia e grandes estudos con prezos máis baixos". 

Tras os primeiros días, que foron mellor do que esperaban, chegou un verán duro, pero ese medo, aos poucos, vai quedando atrás. "Vén todo tipo de xente, de todas as idades, desde menores cos seus pais a señoras cos seus netos", din. Principalmente dos 80 clientes que pasaron polo seu estudo, a maioría son da zona e de concellos limítrofes. 

"Esperaba que pedisen máis tatuaxe de catálogo, o típico infinito, huellitas, plumas... pero en xeral hai xente atrevida, que nos deixan traballar con moita orixinalidade", din. A Adrián gústanlle a cor, as liñas gordas, o cartoon. E contan cun colaborador, Roque, que se centra máis no realismo e o branco e negro. Ademais están a buscar novas propostas, como ofrecer microblading. 

KO Tattoo

A eles a pandemia non lles cortou as ás —"xa tiñamos que usar máscara e líquido desinfectante, só cambia que o deben usar os clientes"— e miran ao futuro sen grandes retos pero co soño de poder "vivir disto" e seguir crecendo para seguir dando cor. 

Comentarios