Piden retirar as distincións de fillo adoptivo concedidas a Fraga durante a ditadura

Un total de 45 profesionais, entre historiadores, xornalistas e investigadores, asinaron o manifesto do colectivo de presos do franquismo

Busto de Fraga en Vilalba. MARÍA ROCA
photo_camera Busto de Fraga en Vilalba. MARÍA ROCA

Un total de 45 profesionais, entre historiadores, xornalistas ou persoas que levaron a cabo traballos de investigación relacionados coa ditadura, apoiaron a retirada ao expresidente da Xunta, Manuel Fraga, da distinción de fillo adoptivo que se lle outorgou en distintos concellos galegos cando era ministro de Información e Turismo durante a ditadura de Franco. En concreto, asinaron o manifesto 'Non queremos ao camarada Fraga como fillo adoptivo' do colectivo de presas e presos políticos na ditadura, que busca instar a estes concellos, pero tamén a organismos como a Deputación da Coruña, a retirar as distincións que outorgaron a Fraga. 

Entre eles, están, segundo recordou na presentación destes apoios Manuel Monge, un dos membros deste colectivo, os concellos de Santiago, Ferrol e A Coruña ou outros como Verín; Pontedeume, na provincia coruñesa ou Vilalba. Neste último caso, foi nomeado fillo predilecto. 

O colectivo de presos e presas solicitará nunha seguinte fase o apoio da cidadanía

Coincidindo coa presentación destes apoios, Monge avanzou que seguirán solicitando máis firmas, unha medida que, nunha seguinte fase, estenderán ao conxunto da sociedade. Ademais, programarán un acto público con historiadoras e historiadores. Por outra banda, coincidindo coa celebración das eleccións xerais o domingo, instaron a todos os grupos políticos a acabar coa simboloxía franquista.

MOCIÓN EN FERROL. Mentres, destacaron o feito de que en Ferrol se debata en pleno este xoves unha moción para retirar a Manuel Fraga a distinción de fillo adoptivo, que se lle concedeu en marzo de 1965. Tamén avanzaron que estarán presentes na sesión plenaria. 

Pola súa banda, a preguntas dos xornalistas, con motivo da súa presenza no barrio de Feáns, o alcalde coruñés, Xulio Ferreiro, confirmou que o concello herculino está pendente do informe encargado a expertos para abordar esta cuestión. 

Comentarios