Obituario

Pesar na Terra Chá polo falecemento de Plácido Buján Lamazares, O Veterinario

Familia, veciños e amigos despedírono este venres na igrexa parroquial de Santo Estevo de Parga
Plácido Buján Lamazares. AEP
photo_camera Plácido Buján Lamazares. AEP

Teño que confesar que de pequena lle tiña algo de medo. Viña aquel home grande e serio, coa súa voz grave, e a súa inseparable faria, e a aquela nena de hai máis de tres décadas impoñíalle bastante falar con el, aínda que o home tamén soubese botar unhas risas e aínda que a aquela nena lle gustasen as visitas e velo traballar. Plácido Buján Lamazares era O Veterinario, non necesitaba máis presentación. Viña ata a casa para semillar as vacas para que trouxesen becerriños para vender e becerriñas para criar, e que neno de aldea non devecía por que un xatiño lle mamase no dedo?

Facía o seu percorrido rutinario para poñer en práctica aquilo que mellor se lle daba, no que foi un pioneiro. E alí, ao pé do centro de inseminación do Buriz, coma en tantos outros, había días nos que se xuntaban ata unha vintena de vacas quentes, rubias e algunha que outra pinta, agardando por el.

Plácido marchou da súa casa, do seu querido Cercedo, aos 86 anos. Vaise reunir coa súa compañeira de vida, con Carmen, e xuntos volverán andar os camiños da Chaira naquel Dyane 6 amarelo

Os tempos cambiaron, as silvas cubriron o vello caseto e chegaron outros profesionais, pero Plácido sempre seguiu sendo o veterinario, aínda que fose sentado na súa cadeira da oficina de extensión agraria, aínda que xa estivese xubilado. Natural da parroquia guitiricense de Parga, estudou Veterinaria en León e, logo de pasar pola Fonsagrada, volveu ás orixes, á Terra Chá, a Guitiriz e a outros concellos chairegos para exercer unha profesión que lle gustaba ata o punto de saber transmitirlle esa querenza polo coidado dos animais ao seu fillo Carlos, que seguiu os seus pasos profesionais. E en certa maneira, tamén a María Jesús, que trata e coida persoas no seu labor como farmacéutica.

Porque a xente e os animais foron dúas grandes pezas da vida de Plácido. A xente máis próxima, coa que lle encantaba compartir tempo; a de Parga, cuxa feira chegou a presidir; a do traballo, que quixo renderlle homenaxe polos seus máis de 50 anos como integrante do Colexio Oficial de Veterinarios; ou a que coñeceu nas súas viaxes polo mundo. E eses animais que nunca faltaron na súa casa, coma as vacas autóctonas desa raza caldelá que axudou a recuperar ou as ovellas que pastoreaban o seu horto solar.

Na tardiña deste venres, familia, veciños e amigos despedírono na igrexa parroquial de Santo Estevo de Parga. Plácido marchou da súa casa, do seu querido Cercedo, aos 86 anos. Vaise reunir coa súa compañeira de vida, con Carmen, e xuntos volverán andar os camiños da Chaira naquel Dyane 6 amarelo.