Tres persoas caen ao río tras ceder unha ponte dunha área recreativa en Abadín

A principal hipótese do accidente apunta ao mal estado dun dos alicerces. O PSOE pretende que se trate o tema no pleno municipal
El puente que cedió en Abadín. EP
photo_camera A ponte que cedeu en Abadín. EP

O PSOE de Abadín denuncia que "caeron tres persoas ao río", á primeira hora da tarde do luns, cando cruzaban un das pontes da área recreativa da Roxica, no núcleo abadinés de Gontán.

Tal e como advirten desde o grupo socialista, "foi só un susto que puido acabar en algo moito máis serio". Todo apunta a que o mal estado "dun dos piares onde se apoia" foi o causante do incidente, afirmaba pola súa banda o alcalde, José María López Rancaño, que tamén concretou que "ninguén resultou ferido" e que "só unha persoa chegou a mollarse". O rexedor precisou que o suceso se produciu cando os afectados estaban a realizar traballos de limpeza nas inmediacións.

O portavoz do PSOE, Pablo Díaz, advirte de que "era algo que xa se vía vir" e recorda que fai tan só unhas semanas a zona albergaba un campamento para nenos do municipio, ademais de atoparse un parque infantil nunha zona moi próxima. "Hai un ano que os veciños xa dicían que a ponte estaba en moi mal estado", di Díaz, quen tamén avanza que levará este asunto a pleno para preguntar "quen realiza o mantemento e por que non se tomaron as medidas oportunas para que non ocorrera este accidente".

López Rancaño achaca a orixe do problema a que "a ponte leva moitos anos feita e as chuvias destes días afectáronlle", a pesar de que se lle deu o visto e prace cando se instalaron a tirolina e o parque infantil este mesmo verán. Ademais, confirma que xa están encargadas as obras de rehabilitación da estrutura, que quedou seriamente danada tras o derrube.

Comentarios