Abadín

Peregrino español, o que máis fixo o Camiño Norte

Os albergues Xistral, Goás e Xabarín miran con incerteza ao 2021, pero confían na vacina
Sinal do Camiño Norte ao seu paso por Abadín. S.IGLESIA
photo_camera Sinal do Camiño Norte ao seu paso por Abadín. S.IGLESIA

Os tres albergues de iniciativa privada cos que conta o concello de Abadín viron como no mes de marzo a tendencia á alza no número de peregrinos no Camiño Norte daba un revés e o que debería ser un gran ano, o previo ao Xacobeo, se converteu nunha "catástrofe", tal e como define Jaime Prieto, o responsable de Xistral, en Castromaior. Unha idea compartida cos seus colegas de Xabarín e Goás, ambos do núcleo abadinés, que tamén corroboraron como, ademais de sufrir unha caída sen precedente no volume de camiñantes, cambiaba o seu perfil: de estranxeiro, preferentemente alemán, inglés e cada vez máis asiático cun alto poder adquisitivo, a nacionalidade española e, sobre todo, galega.

Nesta nova tesitura Xistral quen máis se resentiu, xa que "el 90-95% de los clientes eran de fuera, que escapan de la masificación, y este año solo hubo españoles", explica Jaime, quen se viu obrigado a darlle unha volta ao seu negocio, aberto na primavera de 2017. Alugando a casa completa a grupos de visitantes puido "salvar" a tempada do verán, unha opción que repite no Nadal, para o que ten "alguna reserva" pese ás incertezas que acarrea a crise sanitaria.

Pola súa parte, tanto Xabarín como Goás pecharon as súas portas o 1 de novembro e volveranas a abrir en Semana Santa, por non ter asegurado o fluxo de peregrinos. Así mesmo, mentres Daniel Valle, de Xabarín —o primeiro en abrir en Abadín, tamén en 2017—, prefire non valorar o plano económico deste 2020, Alberto Goás cifra nun "10 ou 20% o que se fixo respecto a outros anos".

Pese a iso, os tres establecementos, que tiñan "grandes esperanzas por el Año Santo y ahora vamos al día", como di Jaime Prieto, miran con incerteza cara o 2021, pero depositan a súa confianza na agardada vacina que, aínda que non reverta os datos destes meses, si pode supoñer un alivio cara a mediados do ano que vén. 

E é que o covid obrigou a facer modificacións nos albergues. Alberto Goás explica que as habitacións —contan cunhas 60 prazas no albergue— se empregaban como individuais, "a non ser que os peregrinos viñesen xuntos", e en Xistral o aforo reduciuse ao 50% para cumprir cos dous metros de distancia.

Tamén se suprimiron elementos decorativos, ceas e almorzos comunitarios, así como o uso da cociña, igual que en Xabarín. Aquí contan, ademais, con "ventilación mecánica e agora cremos que foi un gran acerto", engade Daniel Valle, xa que o aire está renovándose constantemente. "Estamos contentos pese a todo, porque non deixamos de ofrecer o servizo e a xente quedaba agradecida", conclúe un home que, da mesma maneira que os seus colegas de sector, confía en que o Camiño Norte volva ao seu. 

Comentarios