Exalumnos do conservatorio das Pontes recuperaron 'Latexos' na corentena

A agrupación volve aos ritmos co obxectivo de quedarse
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Gran parte dos componentes da agrupación, nun vídeo publicao nas redes sociais

O parón do estado de alarma serviulles para reencontrarse en ritmos pasados. Foi o empurrón que faltaba a conversas repetidas durante anos. E a tecnoloxía acurtou as distancias e fixo posible o retorno.

Case unha vintena de exalumnos do conservatorio de música das Pontes aproveitou a cuarentena para recuperar 'Latexos', un grupo de percusión que naceu hai anos dentro do programa lectivo do centro e que despois de anos algo esquecido volveu aos ritmos, pero co obxectivo de quedarse e continuar no tempo.

"A agrupación vén duns cursos de percusión que organizaba o profe Nacho Sanz e co que fixemos un concerto con bidóns, contenedores, andamios...", detalla Carla Alvariño, unha das integrantes dunha formación que demostra que a música está en todas partes e que engloba a músicos que van dende os 17 anos aos 22.

"A última vez que nos xuntamos foi en 2014. Coñecémonos de sempre e sempre falabamos de que tiñamos que volver e como o de facer música se puxo de moda no estado de alarma decidimos que era o noso momento", di esta rapaza pontesa, que asegura que, en oposición a moitas das propostas musicais desta tempada de parón durante a crise sanitaria, o seu obxectivo é seguir facendo cousas despois da desescalada.

E facelas tanto de forma virtual —abriron fiestras en Facebook, Twitter e Instagram— como en directo e sen pantallas de por medio. "Temos proxectos a curto e a longo prazo. Cando acabe todo isto temos ganas de seguir e de volver para repetir algún concerto e xirar a roda de todo isto", apunta.

Os primeiros vídeos que publicaron —estreáronse cun cantando e logo apostaron por sumar danza e percusión— tiveron boa acollida. "O primeiro do coro era un tema que nos ensinaron no conservatorio e que nos trae recordos a todos e estamos moi emocionados porque tivo mil e pico visitas. É unha canción moi importante para nós e fíxolle ilusión ás profesoras de Linguaxe Musical —Olalla Rodríguez e Andrea Iglesias—", explica esta integrante de Latexos, un grupo no que os ritmos poden chegar de potas e vasos ou de calquera tipo de instrumento. Teñen onde elixir: piano, percusión, vento ou corda. Hai músicos para todos.

No grupo, ademais de Carla, están Alberte Ledo, Álex Tojeiro, Álvaro García, Candela Paz, Carmen Boo, Carmela Leal, Elvira e Carlota Candelas, Lucía Dapena, Mario Vérez, Icía Basanta, Sofía Ramos, Ana Baamonde, María Allegue, Nicole Béjar , Sara Moirón e Óscar Sachocos.

Comentarios