Pepe Solla e Adrián Díaz formarán o xurado de "luxo" do Vilalba de Tapas

O concurso, que organizan Concello e Sete Pontes, celébrase do 26 ao 29, e coincidirá cos Cantos de Taberna
Silvosa y Renda, durante la presentación en el local de Sete Pontes. M.M.
photo_camera Silvosa e Renda, durante a presentación no local de Sete Pontes. M.M.

A capital chairega estreará este fin de semana o concurso gastronómico Vilalba de Tapas, e farao cun "xurado de luxo". O chef Pepe Solla -propietario do restaurante Casa Solla e líder do Grupo Nove- e o presentador do programa Larpeiros da TVG, Adrián Díaz, serán os encargados de escoller a mellor proposta entre as tres finalistas que seleccionen os clientes.

Esa será a dinámica dun certame que foi presentado este luns polo edil de turismo e comercio, Modesto Renda, e polo representante de hostalería da Asociación de Empresarios Sete Pontes, Manolo Silvosa, as dúas entidades que van "dá man por primeira vez" para dar con este concurso "un púo á gastronomía"local, un sector turístico que ofrece unha clara oportunidade "que outros municipios souberon ver e que Vilalba non pode deixar pasar", expresou Renda.

A iniciativa, na que participarán 14 negocios -Xoldra, Oasis, Alborada, Cristal, O Porrón, A Casa do Lobo, Centro Cultural e Recreativo, Mesón O Carballo, Puro Teatro, Parador, Stama, A Taberna, Lembranzas e Mesón do Campo- desenvolverase do 26 ao 29 deste mes.

O xoves e o venres, os bares despacharán as súas racións, que terán temática libre e un prezo único de 1,50 euros, de 20.00 a 23.00 horas, un horario que se ampliará o fin de semana de 13.00 a 15.00 horas.

Durante as catro xornadas que dura o concurso, os clientes poderán votar polas súas propostas gastronómicas preferidas. Os tres locais que consigan maior puntuación pasarán á gran final o venres, 4 de outubro, día no que se desprazarán aos seus negocios Pepe Solla e Adrián Díaz para probar os seus bocados.

"Pensouse en varias alternativas, incluso en facelo nunha cociña privada, pero pareceunos máis atractivo para os veciños que o xurado se desprazase aos negocios. Cremos que é un elemento de atracción máis para a vila", engadiu o edil.

ANIMACIÓN E MÚSICA. Vilalba en tapas coincidirá o sábado, día 28, cunha nova edición dos Cantos de Taberna, que se desenvolverá de 12.30 a 15.00 horas, e contará coa participación de Non Cómbaro, Os Sobraos, Os Folieiros, Rebolaxe, Caivanca e os locais Mestura de Nete, Batifoula, Buxos Verdes, Entre Lusco e Fusco, a banda de gaitas de Mato Vizoso e a Asociación Cultural Andrade.

O programa seguirá, ás 18.00 horas, cun taller de baile e percusión na Praza da Constitución, a cargo de Ricardo García e Luís Quelle.

Pola noite, a partir das 21.00 horas, actuarán Malvela -concerto programado polo Concello- e a Banda do Ruído -organizado por Buxos Verdes-.

Comentarios