Ferido un veciño de Castro ao ser atropelado ao cruzar a Avenida de Terra Chá

O home, de 50 anos, impactou contra o parabrisas do vehículo, cuxo condutor resultou ileso, e foi evacuado en ambulancia ao Hula
El lugar del atropello. JOSÉ ÁNGEL DÍAZ
photo_camera El lugar del atropello. JOSÉ ÁNGEL DÍAZ

Un veciño de Castro de Ribeiras de Lea, con iniciais J.L.M.G. e de 50 anos de idade, resultou este xoves ferido de gravidade ao sufrir un atropelo cando cruzaba a Avenida de Terrá Chá. O condutor do turismo implicado no accidente, tamén residente na localidade, resultou ileso.

Como consecuencia do atropelo, a vítima golpeouse co parabrisas do vehículo, rompéndoo no impacto. Un equipo sanitario desprazado ao lugar do accidente prestoulle auxilio no punto, para logo evacualo nunha ambulancia do 061 ata o hospital Lucus Augusti, onde foi atendido en Urxencias.

O accidente produciuse ao redor das nove da noite no tramo urbano da LU-113 —que une Rozas e Abadín—, á altura do quilómetro 5,200, nas inmediacións da Carballeira de Castro de Ribeiras de Lea. Ata o céntrico lugar achegáronse numerosos veciños para tratar de prestar axuda ao ferido, coñecido de moitos xa que reside no centro urbano.

Efectivos de Subsector de Tráfico de Lugo trataban de esclarecer as circunstancias do atropelo e o lugar no que se produciu, xa que xusto nesa zona hai un paso de peóns que conta con sinalización vertical, pero agora mesmo non horizontal, debido ás recentes obras de mellora que se executaron na vía.