Conchi Pardo presenta este mes nas Pontes un libro cheo de páxinas de superación

A obra autoeditada, Relatos e vivencias, é unha especie de diario no que narra unha dura experiencia de vida que arranca cunha lesión cerebral
undefined
photo_camera Conchi Pardo, no Campo da Feira das Pontes. C.ARIAS

"Este diario xorde da miña necesidade de comunicarme cos demais (...). Nel comparto parte das experiencias e medos que tiña agochados e que conseguín superar. De aí saíu, cheo das miñas memorias e vivencias, aínda que quedarán cousas esquecidas". É a introdución e a declaración de intencións de Relatos e vivencias, o primeiro libro de Conchi Pardo, natural da parroquia xermadesa de Roupar e residente nas Pontes dende hai anos, que este mes, concretamente o día 21, presentará ao público na Casa Dopeso pontesa a partir das 19.30 horas.

"A ver se desta o conseguimos, que vai facer un ano que o ía presentar, pero coa pandemia foise retrasando", indica unha muller de 62 anos que traballou durante os últimos cinco, de forma tenaz e constante, nesta obra, que é un pouco "un soño" para ela, chea de páxinas de superación e vida.

"Sempre me gustou escribir e sempre me fixo ilusión ter o meu libro", di Conchi, que nunca vira a publicación como unha posibilidade real ata que, tras varios anos acompañando á súa nai ás actividades de Relendo a Vida -unha especie de club de lectura para personas maiores organizado polo Concello das Pontes, a través da biblioteca e o CIM- empezou a velo como unha opción.

Ensinoulle a Anabel Alonso, a encargada da biblioteca, e a Maca Rego, a responsable do CIM, algún dos seus textos e aí arrancou o proxecto. "Tiña eu 57 anos cando empecei, levoume cinco anos, moito traballo e algunha lágrima polo medio, poñíame nerviosa, porque quería acabar axiña e ás veces non avanzaba", relata Conchi, que só ten palabras de agradecemento para Anabel e Maca, piares fundamentais nesta aventura literaria, e tamén para Marisol Souto, que lle axudou coa maquetación do libro.

«Tiña experiencias moi bonitas e non quería deixalas morrer na mente. Empecei un pouco de broma, primeiro en castelán, pero despois miñas irmás animáronme a facelo a galego, como falamos. E como son todo cousas que vivín érame fácil de escribir, non tiña que inventar nada», explica.

O libro, un traballo autoeditado e do que imprimiron algo máis dun cento de copias, comenza contando a súa vida, que "nunca foi fácil". "Sempre tiven problemas de saúde dende o meu nacemento, custábame máis relacionarme coas persoas, a miña intelixencia non era como a das outras nenas, pero eu pensaba que podía facer calquera cousa", relata Conchi, que a través das páxinas narra como foi superando os seus medos, como descubriu que nacera cunha lesión cerebral, como era a súa vida, a maior de catro irmáns, os tempos de escola, as festas de Nadal, a primeira visita ao belén de Begonte ou os primeiros contactos coa praia en Viveiro, as vodas, as súas actividades na asociación de discapacitados activos A Xanela, das Pontes, as súas experiencias pintando e palillando, as excursións...

"Xa fun repartindo moitos libros entre a xente que mos foi pedindo. É unha alegría moi grande e sinto moita ilusión", di esta nova escritora, que asegura non estar nerviosa para o momento da presentación. "A xente dime que é moi bonito e que lle gusta, non me queixo nada", di, mentres cruza os dedos esperando que esta vez si haxa presentación.

Comentarios