Patrimonio na corda frouxa

A Asociación de Amigos do Museo de Vilalba reitera as críticas sobre o estado de deterioración do edificio e publica un manifesto para solicitar apoios para esixir unha actuación urxente
undefined
photo_camera Varias pezas retiráronse da exposición permanente por risco a sufrir danos tras caer parte do teito. C. ARIAS

A Asociación de Amigos do Museo de Vilalba lanza un novo berro de socorro a través dun manifesto que pretende impulsar un movemento cívico para solicitar apoios para esixir unha actuación urxente para un edificio que desfalece. O estado de deterioración das instalacións do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba (Mupav) é unha realidade desde hai tempo. E o patrimonio que garda entre as súas paredes está na corda frouxa.

"O museo está como está, con goteiras, desconchados, filtracións, humidades... e o Concello, titular do edificio, non acaba de solucionar o problema", di Domingo Fernández, o presidente do colectivo que lanza o manifesto pola "necesidade de dotar ao Mupav de recursos suficientes para que poida continuar coa súa misión, reforzando a entidade na fórmula administrativa que mellor se adapte ao pleno desenvolvemento dous seus obxectivos".

A intención do colectivo é "trasladar ás distintas administracións, organizacións e instancias europeas o risco que supón para a conservación do patrimonio histórico a falta de mantemento do edificio" e "avaliar os recursos legais pertinentes, sempre que non se produza a reversión da situación".

"O museo está como está, con goteiras, desconchados, filtracións, humidades... e o Concello, titular do edificio, non acaba de solucionar o problema"

O museo xa sufría a deterioración do paso do tempo e a falta de actuacións, pero un incendio nun despacho e unha inundación en 2020 agravaron a situación e incluso houbo que retirar as pezas de tres vitrinas da exposición permanente para evitar riscos.

"O incumprimento por parte do Concello das súas obrigas de conservar e manter os locais está a empezar a provocar efectos perxudiciais sobre o patrimonio histórico e bibliográfico", indican desde o colectivo, á vez que resaltan que Inspección de Traballo "requeriu a súa correción para que o persoal poida desempeñar as súas funcións de acordo coa lexislación vixente".

Amigos do Museo solicita a colaboración veciñal e a adhesión a un manifesto en defensa dunha institución que tras 30 anos de historia "é un referente para a museoloxía e para a investigación arqueolóxica". "A pesar dos precarios medios que sufriu dende a súa fundación vén desenvolvendo unha importante tarefa de custodia, investigación e divulgación", apuntan, á vez que tamén se recortou o orzamento municipal para o museo.

"Non chegan as boas palabras"
"Os danos crecen, é progresivo. Hai tarimas afectadas, paredes, ceos rasos...e non hai calefacción", di o director, Eduardo Ramil, que asegura que non son as condicións adecuadas nin para o patrimonio nin para o persoal —hai tres persoas traballando—. "Hai unha comunicación magnífica co Concello, pero hai que pasar á acción, non chegan boas palabras", apunta. E indica que só se fixo unha limpeza no patio interior e outra no patio exterior.

Visitas
Pese ao mal estado, asegura que as visitas non deixan de crecer, pero que a imaxe que se ofrece é moi negativa. "A xente quéixase de forma tremenda e parécelle inconcibible como está", di.

Exposicións
Non descartan ter que retirar máis pezas. Das 13 vitrinas que hai, desmontáronse xa tres.

Actividades
Os días 26 e 27 haberá xornadas de portas abertas con quendas de cinco persoas cada hora e o 5 de setembro a exposición Amígate co Mupav trasladarase á Alameda.

Comentarios