Os patinadores dispoñen dunha pista de skate na Praza da Constitución

Estará instalada ata o 2 de xaneiro
charset=Ascii binary comment
photo_camera Participantes no primeiro obradoiro de skate. EP

A Praza da Constitución de Vilalba acolle desde este sábado e ata o próximo 2 de xaneiro un 'skatepark' ou pista de skate para que os amantes do monopatín poidan gozar rodando nunha mini rampla en forma de U.

Este pequeno parque, instalado baixo unha carpa aberta polos laterais, abriuse coa celebración dun obradoiro, que se desenvolveu en grupos limitados, seguindo un protocolo por covid-19 e baixo a supervisión dun monitor, que deu nocións de iniciación aos participantes.

As clases, a cargo da Vella Escola Cultura Urbana, volveranse a impartir os días 29 de decembro pola tarde, a partir das 18.00 horas, e o 2 de xaneiro pola mañá, desde as 12.00. Para os que desexen participar, é preciso reservar praza na páxina web www.entradasvilalba.es.

O 'skatepark' será de acceso libre o resto dos días, en horario de 11.30 a 14.00 horas e de 16.00 a 21.00, excepto os días 31, que será só pola mañá, e 1 de xaneiro, só pola tarde.

Antes de que finalice o 2020, haberá varias actividades no auditorio municipal de Vilalba. Así, este domingo celebrarase, a partir das 18.00 horas, unha Gala de Nadal, presentada por Fran Rei e coas actuacións do Mago Teto, Desastronauts e Trío Detrés.

Este luns proxectarase 'Mentres dure a guerra' e o martes, 'Parasitos', ambas ás 20.00 horas. O mércores 30, á mesma hora, a banda de música de Vilalba ofrecerá un concerto xunto á orquestra Malabares. Todos os actos son gratuítos e hai que retirar entrada en www.entradasvilalba.es.

Comentarios