Un pastor de nubes para Vilalba

O Iescha rendeulle tributo ao escritor Manuel María cunha escultura xunto á casa da cultura, obra de Pepón Gómez. Amigos e familia lembraron a súa querenza pola Terra Chá e pola súa capital
Intervención de Pepón Gómez durante o acto. C. PÉREZ
photo_camera Intervención de Pepón Gómez durante o acto. C. PÉREZ

Na "véspera da feira de San Ramón", no marco das festas da "dona da Chaira" das que foi pregoeiro hai 40 anos e grazas á teima do Instituto de Estudos Chairegos, ao bo facer do canteiro local José Gómez de Bernardo, "Pepón", e ao apoio do Concello, Vilalba vén de paliar un anaquiño da débeda contraída co escritor Manuel María coa inauguración dunha estatua na súa memoria a carón da casa da cultura, esa para a que levan máis dunha década reivindicando o seu nome, igual que se volveu facer reiteradamente.

Un edificio "simbólico" para os vilalbeses, que foi casa do concello, cárcere e museo e ao que agora "a presenza do Manuel virá a engadir novos significados", segundo destacaba Sabela Figueira, do Iescha, na presentación dun acto que estivo amenizado por Buxos Verdes e por Cris Román e enriquecido coas palabras dos amigos do cantor da Terra Chá.

Alberte Asende na homenaxe a Manuel María en Vilalba

Oíronse voces coma a de Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María, que xestiona a casa museo de Outeiro de Rei, quen lembrou a "predilección moi especial e durante toda a vida" que o escritor tivo por Vilalba, un afecto que "aparece na súa obra" e que se validaba en feitos cotiás coma ir tomar un café con el no Roca.

"Nós viñemos hoxe a Vilalba coa ledicia por bandeira", asegurou Alberte ante unha escultura que, como destacaba outro amigo, o historiador Felipe Senén López, recolle perfectamente a esencia "dun home que era un dandi pero tiña algo de labrego", ao retratalo sentado, "apoiado cavilando sobre o caiado". "El dicía "estou pastoreando nubes"", precisou ante a lembranza pétrea dun "vello amigo, sempre eterno amigo".

"Se Vilalba non existise, Manuel María non podería escribir eses versos; o que sostén a obra súa obra é o seu país, Galiza, e non hai máis que relela para comprobar que non minto", dicía a viúva do poeta, Saleta Goy, transmitindo dende a distancia o seu agradecemento aos implicados nesta homenaxe promovida polo Iescha.

Saleta Goy, que remitiu un vídeo, asegurou que "se Vilalba non existise, Manuel María non podería escribir eses versos"

"Manuel María representa a calidez e a cercanía, a humildade e a amizade, a palabra e o pensamento, a denuncia do que está mal fronte ao que debería ser e non é, o activismo cultural e o compromiso político", resumía a presidenta da entidade, Marisa Barreiro. Lembraba tamén o seu vínculo constante con Vilalba e coas súas xentes, as súas múltiples colaboracións coa comarca e o agasallo que lle fixo a esta, "unha das máis fermosas obras da literatura como é o libro Terra Chá", razóns todas elas polas que non foi doado elixir os protagonistas de tan sinalado día.

"Hai tantas persoas que terían que estar aquí, de todos os eidos, condicións e pensamentos...", aseguraba Marisa. Máis había un que non podía faltar, o dono das mans que materializaron esta obra pétrea que o Iescha lle agasalla ao pobo de Vilalba entregándolle simbolicamente a escultura á alcaldesa, Elba Veleiro.

Pepón, que puxo aos pés da escultura un textiño tallado nunha lousa traída da Casa das Hortas e deixou un oco sen picar para que quen quixese poidese contribuír á obra, lembrou o proceso creativo dunha encomenda que se remonta a 2017. O proxecto retrasouse polas circunstancias e pola burocracia ata facerse realidade "na aira da miña casa" —a súa vivenda familiar está moi preto—, aínda que incompleto, pois por decisións técnicas a base soterrouse e falta unha peza que se vai sumar a outro proxecto literario. Son só pequenos contratempos porque, como dixo Pepón, "a figura de Manuel é tan forte que, por moito que se agoche, sempre vai permanecer na nosa memoria".

Comentarios