A CHAIRA, 15 ANOS: PATRIMONIO

Pasos sobre os que volver ao pasado e coñecer a nosa historia

A comarca non deixa de dar sorpresas cos novos achados, á espera de conservar mellor os elementos xa coñecidos
2020 ▶ Aparece unha importante vila romana en Coea. AEP
photo_camera 2020 ▶ Aparece unha importante vila romana en Coea. AEP
Ollo ao dato
O Catálogo de Árbores Senlleiras incluíu, cando se aprobou en 2007, catro exemplares chairegos. Outros tres uníronse en 2015 e dous anos despois incorporáronse como formacións senlleiras as Faias de San Xoán de Lagostelle e a carballeira de Muimenta.
Aquel día
O 25 de xullo de 2017 cumpríronse 50 anos da inauguración da Torre dos Andrade de Vilalba como Parador Nacional de Turismo. O acto conmemorativo desta efeméride especial celebrouse tres días despois.
Escrito en pedra
O petroglifo de Vilagondriz, atopado por un agricultor en Lanzós nos anos 70, centrou en 2018 un dos paneis trimestrais do Museo de Prehistoria e Arqueloxía de Vilalba (Mupav), motivado pola singularidade da peza, cuxa orixe está chea de incógnitas.

Quince anos nalgúns casos poden parecer moito, pero dentro da historia é unha nimiedade. Un simple percorrido pola nosa Chaira danos a mostra perfecta de que o seu extenso patrimonio pode contarnos toda a súa evolución histórica, desde milleiros de anos atrás.

O Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba (Mupav) ben podería ser o inicio dese paseo histórico e patrimonial chairego. Unha institución que é un referente no noroeste peninsular na investigación e custodia de restos do Paleolítico, no que José Ramil Soneira, falecido en 2014 e grande impulsor do museo, foi un pioneiro no estudo desa época no ámbito galego.

A entidade foi medrando co paso dos anos, editando numerosas publicacións e organizando varias edicións do seu exitoso Congreso Internacional de Arqueoloxía, pero hoxe, lamentablemente, vive horas baixas, cunhas instalacións obsoletas e faltas de mantemento que o levou a vivir en 2020 o seu particular ‘annus horribilis’ ao sufrir un incendio, unha inundación e un desprendemento que obrigou a pechar unha sala. 

Neste ano, no que se cumpren tres décadas da súa creación, son moitas as voces que se unen para pedir unha maior protección e recoñecemento a esta institución. Igual que para puntos clave arqueolóxicos do concello vilalbés, como os BIC Roza das Modias ou Pedra Chantada, ou o abrigo de Pena Grande, en Santaballa, que en 2018 foi noticia por saír a subasta ata en tres ocasións a finca na que se atopa. Finalmente, o Ministerio de Facenda cedeulle a principios de 2019 o terreo ao Concello, que se comprometeu a protexer e poñer en valor o xacemento, que estivo ocupado en periodos estacionais hai uns 15.000 anos, unha iniciativa da que nada máis se soubo.

Tamén está de conmemoración o recoñecido Castro de Viladonga, no que as escavacións comezaron fai este ano medio século. Uns traballos que nunca cesaron e que tomaron un importante impulso na segunda década do século XXI, despois de que o xacemento fose declarado BIC en decembro de 2009. 

A partir de aí, as sucesivas campañas permitiron consolidar de novo o castro, ocupado entre os séculos IV e IV antes e despois de Cristo e, ademais, atopar novas estruturas, como un alxibe, partes da muralla ou escaleiras.

Pero non só as pedras do castro ou a exposición do seu museo contan historias, senón que hai milleiros máis gardadas na súa sala de reservas externas, que atesoura máis de 100.000 pezas de escavacións arqueolóxicas de toda a provincia. Entre elas están as atopadas o ano pasado na que se fixo nunha finca dos Escouredos, en Coea (Castro de Rei), onde unha cata para instalar unha torre eléctrica descubriu uns restos que, tras varias semanas de traballos, avalaron que se trataba dunha gran vila romana, duns 3.000 metros cadrados de superficie, a meirande da que se ten constancia en Galicia. Tras ese estudo preliminar, só queda que as administracións decidan que facer neste importante achado, que data do século IV da nosa era.

Pero este non é o único asentamento romano atopado nos últimos anos na zona, xa que a principios de 2017 o grupo de investigación Romanarmy localizou, mediante fotografías aéreas e o sistema Lidar, un campamento romano no monte de Ventín, na parroquia polense de Silva. Cunha superficie de 13,55 hectáreas, é o de maior tamaño rexistrado en Galicia e puido albergar entre 6.600 e 8.600 soldados. 

As cinco campañas realizadas para escavar o Castro de Saa, na Pastoriza, tamén foron moi frutíferas, e parte dos seus restos, así como unha recreación do propio castro, pódense ver no Centro de Interpretación (CIN) de Bretoña, que abriu en 2019 na coñecida como Casa de Galocha para recoller o pasado britoniense da localidade, entre os séculos V e VII.

Os campos de traballo realizados na Casa da Neveira de Lousada, en Xermade, deron tamén boa conta da variedade de elementos patrimoniais de distintas épocas que hai na comarca, porque a esta construción de pedra que se empregaba para gardar a neve do inverno para facer xeo na época medieval únense outros vestixios daquel amplo periodo como o castelo da Pobra de Parga, o de Muras —onde se fixeron estudos—, o escudo do de Castro de Rei —o único que se conserva del—, a Torre de Andrade de Vilalba ou a Torre de Caldaloba.

A citada fortaleza de Cospeito, considerada o derradeiro reduto da nobreza galega contraria á política colonial e centralista de Castela na época dos Reis Católicos, non deixou de ser noticia nos últimos anos polo seu estado de abandono, desde un intento de cesión ou compra por parte do Concello ata as reivindicacións actuais de asociacións e distintas formacións políticas, ás que a Xunta respondeu co seu compromiso para incluír nos orzamentos deste ano unha partida para iniciar o proxecto para a súa posta en valor.

Precisamente con este obxectivo se crearon tamén nos últimos anos roteiros de sendeirismo pola Chaira adiante nos que, ademais de gozar do patrimonio natural, se pode pasar por outros elementos co seu valor histórico e patrimonial. 

Un exemplo disto é a ruta do Batán do Folgoso, en Xermade, que pasa por varios muíños rehabilitados e tamén polas antigas carboeiras, en uso nos séculos III ou IV. Ou a Ruta dos Muíños de Abadín, na que se poden atopar catro —e outros dous desviándose un pouco—, en distinto estado de conservación. 

Castros, medoñas, árbores senlleiras, torres, pazos, museos de todo tipo, un conxunto histórico como o da vila de Castro de Rei ou pontes —a Pontevella de Martiñán, a do San Alberte ou a de Isabel II en Cabreiros son só algúns exemplos dun longo listado— debuxan, espallados por toda a Chaira, a historia da comarca, da que nos fai partícipes a todos: veciños, asociacións, administracións... Aos que só nos piden que os valoremos.

Protagonista
imgDataFelipe Arias Vilas. O profesor, historiador e arqueólogo lucense foi o gran impulsor do Castro de Viladonga, de cuxos traballos arqueolóxicos e de investigación foi o director desde o ano 1982, así como do museo dedicado ao xacemento, durante máis de tres décadas, desde 1983 ata 2014, cando se xubilou. Nese periodo, houbo un pequeno paréntese de case catro anos, entre 2005 e 2009, no que ocupou o cargo de director xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. Precisamente no seu mandato, declarouse de Ben de Interese Cultural (BIC) o xacemento ao que dedicou gran parte da súa vida profesional.

Comentarios