Un paseo fluvial unirá o Pedregal de Irimia co centro urbano de Meira

Deputación e Concello asinan o convenio para comprar unha leira de media hectárea, primeiro paso para a futura creación desta senda
Pedregal de Irimia. EP
photo_camera Pedregal de Irimia. EP

O presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Tomé Roca, e o alcalde de Meira, Antonio de Dios Álvarez, asinaron este mércores no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración a través do que se posibilita a compra dunha leira na contorna do Pedregal de Irimia. Trátase do primeiro paso para a futura construción dun paseo fluvial que unha o nacemento do río Miño co centro urbano da localidade e que contribuirá significativamente á posta en valor desta emblemática paraxe.

O organismo provincial achega 25.000 euros para a compra desta parcela, cunha superficie total de 5.528 metros cadrados e localizada a man dereita segundo sóbese ao lugar, xusto en fronte do pedregal. O Concello, pola súa banda, achegará os 12.400 euros restantes ata completar os 37.400 euros nos que se pactou a adquisición destes terreos, coñecidos como Monte Irimia e localizados nunha "zona estratéxica polo nacemento do río Miño e que conta cunha especial protección ambiental polo seu valor social e natural", segundo precisan desde a Deputación de Lugo.

Tal e como recordaron desde o Concello de Meira, o feito de que esta superficie pase a ser de titularidade municipal facilitará o deseño dun futuro paseo fluvial, duns tres quilómetros de lonxitude, entre o Pedregal de Irimia e previsiblemente o Parque Profesor Río Barja do núcleo meirego. A Confederación Hidrográfica Miño Sil comprometeu hai tempo a execución desta senda, que se enmarca nun proxecto aínda máis ambicioso, a través do que se persegue unir o Pedregal con outra importante paraxe natural, a Lagoa de Fonmiñá, no veciño municipio da Pastoriza, cun gran itinerario peonil.

"Para nós este é un proxecto interesantísimo", asegurou o rexedor meirego, Antonio de Deus, pondo de relevo a importancia paisaxística e turística que ten en nacemento do Miño e a súa contribución á dinamización social do municipio, xa que incluso é sede de diversas celebracións.

MÁS SERVIZOS. "Recibimos uns 15.000 visitantes e complementar a nosa oferta cun paseo destas características terá repecusións positivas para a hostalaría ou o turismo rural", destacou De Dios, que avanzou ademais que a compra dos terreos permitirá ampliar a área recreativa do Pedregal de Irimia e habilitar un espazo amplo de aparcadoiro.

Ademais, o alcalde meirego avanzou que o proxecto que estuda a Confederación Hidrográfica Miño Sil tamén incluiría a creación dun centro de interpretación ou outra oferta similar, para contribuír á posta en valor dunha "zona de especial protección ambiental", como recordan desde a Deputación de Lugo, que avala a necesidade de apoiar e "promover aquelas accións que permitan a súa conservación".

El Pedregal de Irimia, situado a 700 metros de altitude na Serra de Meira, é o berce do río máis importante de Galicia, que percorre 315 quilómetros e pasa por tres das catro provincias galegas –Lugo, Ourense e Pontevedra–, facendo incluso de fronteira natural con Portugal durante un tramo, antes de desembocar no océano Atlántico na Guarda.

Comentarios