Pastora Veres: "O libro viaxou polo mundo levando consigo un anaquiño dos Vilares"

A vilarega afincada en Betanzos, autora do libro 'Lareira de soños', no que profundiza no coñecemento da historia e das xentes dos Vilares (Guitiriz), debutará como pregoeira este sábado, día 30 (11.15 horas), na XIII Tasca do Liño organizada pola Asociación de Mulleres de Insua (Vilalba)
Pastora Veres, co seu libro. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Pastora Veres, co seu libro. VICTORIA RODRÍGUEZ

Cando lle ofreceron ser pregoeira, que se lle pasou pola cabeza? 

Non contaba con tal ofrecemento. Sorprendeume un pouco, aínda que é algo que me fai moita ilusión ao ser o meu primeiro pregón. Admiro moito o traballo que están a facer en Insua, ao que fago referencia no meu libro. Eu son filla de tecelá e levo a febra de liño no meu ser. 

Sobre que falará? 

Falarei seguro de todas as mulleres rurais que son as principais transmisoras da tradición e do mérito que teñen estas Penélopes chairegas polo amor e dedicación para recuperar esta tarefa de traballo comunitario.

Os Vilares e Insua son dúas parroquias do rural chairego, que as une e que as separa? 

O rural todo ten moitas cousas en común e o chairego máis aínda. Compartimos tradicións, historia, costumes e moitas outras cousas, pero cada parroquia ten as súas particularidades. Nos Vilares son os trapeiros e tamén os canteiros que nos dan unha identidade e marcan diferencias. Infelizmente o que máis caracteriza as nosas parroquias é o incesante descenso e envellecemento da súa poboación. Por isto é tan importante as iniciativas de recuperación como a que fan as Mulleres de Insua. 

En Insua falarei de todas as mulleres rurais, que son as principais transmisoras da tradición

E sobre a súa parroquia publicou Lareira de soños. Velo na rúa é un soño cumprido? 

É un soño cumprido e tamén un soño compartido con toda a xente que me axudou, principalmente as veciñas e veciños que fixeron o esforzo e dedicaron o seu tempo a contarme anacos das súas vidas e todas elas conforman a historia da parroquia. Lamento que moitos non puidesen ver o resultado. Eu tardei en rematalo e non todos me puideron agardar, o que tamén me produciu sentimentos encontrados de tristeza e alegría á vez pois esas persoas que tanto me ensinaron, como foi o caso da miña mamá Avelina, estarán máis vivas na memoria colectiva. 

A onde quere que chege a obra, para que lle gustaría que servise? 

Vela nas casas dos Vilares, nas bibliotecas públicas e dos centros de ensino e como material de estudo e de traballo arredor da antropoloxía das nosas aldeas é xa unha realidade, confírelle ao libro utilidade e valor e sei que isto xa está a acontecer e me enche de satisfacción. Pero o que máis me emociona e ver como o libro viaxou polo mundo levando consigo un anaquiño dos Vilares. 

O resultado final correspóndese coa idea coa que comezou?

 A verdade é que difire bastante da idea preconcebida que eu tiña. Edicións Fervenza fixo un fermoso traballo, diría que un libro nun formato diferente e único, merecedor dun lugar preferente aló a onde vaia. 

Lareira de Soños acompáñase do documental Entrar aos Vilares, a que obedece ese complemento? 

Son dúas linguaxes diferentes e dúas visións da parroquia tamén distintas. A miña, feita por alguén que a coñece, e a de Cibrán, Xacobe e Toni, autores do filme, a de tres mozos que nin naceron na aldea nin coñecen o lugar, de aí o título. Son dous traballos de autor, dúas percepcións do mesmo lugar que se complementan pero que non teñen máis en común que a referencia do lugar. 

O feito de que os trapeiros só fosen dos Vilares e non das parroquias veciñas confírenlle aos Vilares unha diferencia que os erixe como sinal de identidade 

Asóciase Os Vilares cos trapeiros, tiveron tanto peso na parroquia? 

O feito de que só fosen dos Vilares e non das parroquias veciñas confiren aos Vilares unha diferenza que os erixe como sinal de identidade. Os trapeiros e trapeiras levaron o nome da parroquia por Galiza e Asturias e trouxeron outras realidades e mundos ás casas, cun oficio que axudou a mellorar a vida das familias en tempos de tanta pobreza, humilde pero importantísimo na nosa economía e na nosa identidade. Pero nos Vilares tamén houbo moi bos canteiros, segadores, cavadores, parteiras, teceláns, costureiras... 

E botando a vista atrás, a todo o traballo desenvolvido a partir do libro, coma o premio Trapeiro de Honra, a asociación Lareira de soños, a NPG... que destacaría?

Todo é un proxecto único. Todas as actividades dende 2014 xorden para pór en valor o noso maltratado rural, son unha chamada para salvar aquelo que máis aporta á nosa identidade como galegos e galegas. Estou moi orgullosa de toda a xente que o fai posible e traballa para que todo isto siga vivo sete anos despois do inicio. O noso é un traballo comunal, colectivo e aberto en cada iniciativa que levamos adiante.

E que queda por facer? Hai máis proxectos de futuro? 

Sempre hai cousas por facer. Agora estamos a preparar un álbum fotográfico do Armeiro de Berulfe,  acompañado dunha exposición itinerante, varios poemarios de poetas da NPG e continuaremos cos certames e premios e co Festival de Poesía Guitirica, entre outras cousas. Tamén iniciei con Xelo Teijido un traballo de recollida de palabras e termos en desuso e en perigo de desaparición. 

Estamos a preparar un álbum fotográfico do Armeiro de Berulfe, acompañado dunha exposición itinerante, varios poemarios e Xelo Teijido e eu traballamos na recollida de palabras e termos en desuso

Ao ir dándolle forma ao libro cambiou a súa visión dos Vilares, dos veciños ou de vostede mesma? 

O traballo aportoume moito coñecemento da parroquia no relativo á xeografía e á súa historia. Non sabía que tiñamos veciñas e veciños con vidas tan interesantes e que puxeron Os Vilares no mundo coa súa existencia. Eu medrei con este traballo e, aínda que van quedando lugares baleiros, aprendín que a casa sempre vai contigo e que á hora de poñer a mesa seremos sempre os de entón. 

Que acollida ten, que lle din? 

A acollida foi marabillosa e emocionante, mandábanme as fotos dos nosos maiores ao redor do lume lendo e relendo durante días. Pero tamén os nenos leron Lareira de soños. Ver a miña filla de 17 anos interesándose polas trapeiras, polas tascas, polas fías, polo caldo máxico de José de Merra, polos muíños, polas penas... esto non ten prezo. Dixéronme cousas moi fermosas, incluso xente que vive na cidade e que non ten vínculo co rural. Xaquín Campo de Roca comentoume que un familiar seu lle dixera que todas as parroquias galegas deberan ter un libro como Lareira de soños. 

Fixo xa varias presentacións, ten máis previstas?

Tendo en conta que se publica en plena pandemia, as presentacións non puideron ser como a min me gustaría, coas mulleres e homes protagonistas do libro. Eu quería que tivesen a súa propia voz e facer uns actos máis vivos e corais. Proximamente teremos unha no Museo Etnolóxico de Ribadavia e algunha outra aínda sen datar. O libro non pasa de moda, é un relato de relatos localizados nun tempo pero representativo da historia recente de todo o rural galego.

Mandábanme as fotos dos nosos maiores ao redor do lume, lendo e relendo durante días

Ademais do pregón da Tasca do Liño, o día seis dende Lareira dos Soños promoven o coloquio Mulleres co Mundo na Cabeza, en que se centrará e quen intervirá? 

Trátase de poñer en valor o labor das mulleres no rural contado por mulleres dende diferentes ámbitos, por un lado, o ecofeminismo de Adela Figueroa, que tamén é poeta e novelista; as imaxes de mulleres de Mercedes Vázquez Saavedra, fotógrafa e escritora que ademais nos traerá a súa exposición Mulheres: a visión audiovisual de Encarna Otero, feminista da que proxectaremos o seu documental, que dá nome á xornada; ou a investigadora da antropoloxía Emi Cagiao, recuperadora do Entroido de Samede en Paderne. E estarei eu, como anfitrioa  de todas estas grandes mulleres co mundo na cabeza.

Ao redor de que xirará a súa intervención? 

A miña intervención será dende a miña propia experiencia directa co traballo de campo e coas historias de tantas mulleres coas que teño compartido, comenzando pola miña nai Avelina ou a miña avoa Ana María, aínda que nos gustaría que o público asistente fóra tamén protagonista coas súas propias experiencias.

De Preto: "Con cinco ou seis anos chegou a primeira televisión á casa e foi toda unha revolución"
De pequena quería ser...
Artista, con cinco ou seis anos chegou a primeira televisión á casa e foi unha revolución. Os artistas traían emoción e alegrías. Dende nena escribín sempre e xogaba a ser mestra das tres monecas que tiña. 
Un libro? 
O último que lin e que recomendo: As mulleres da Casa da Bouça da roupa estendida, de Adela Figueroa Panisse.
Un verso? 
"Aldea nidia de calostro mineral/quen puidera regresar á túa ubreira/despois de tanta ausencia...", de Do corazón da terra, da miña curmán Luz Campello.
Un escritor?
Xesús Fraga, Premio Nacional de Narrativa e que me acompañou na presentación da Lareira de soños en Betanzos.
Unha imaxe?
Santo Alberte e a súa contorna da parroquia de Sambreixo, onde naceu a miña avoa.
Unha viaxe?
A que fixen a Cuba de moza.
Un recuncho dos Vilares?
A fonte de Baixo nos Ramos, que é onde nace o río Lavadoiro que atravesa a parroquia e leva a súa auga até América.
Un lugar para desconectar?
A Pequena en Lanzós 
Díaz Castro é...
O meu poeta de cabeceira, o meu nimbo de Luz.
E Manuel María?
Foi o que prendeu a mecha da Lareira de soños na primeira Romaría Labrega da Chaira. 
Que é unha Lareira de soños?
A lareira xunta arredor do lume onde se constrúen soños e vidas. Os proxectos colectivos do rural son unha lareira de soños, as Mulleres de Insua son lareira de soños porque nos nutren e nos conducen á orixe dende onde se fían os lazos para a vida. 
De onde xorde o título? 
Nun vello Voceiro da Romaría Labrega da Chaira xa publicara un artigo co título, que identifica tamén á asociación que creamos nos Vilares. É moi onírico e deixa que cada quen o interprete á súa maneira.
Comezaba o traballo en 2014, a que se debeu a demora?
Unhas historias levaron a outras e uns informantes a outros. Foi difícil parar e pechalo.
Que foi o máis difícil do proceso? E o máis gustoso? 
O máis difícil foi sintetizar en 250 páxinas tanta información e tantas fotos, e o máis fermoso foi o agarimo que me amosou a xente en máis de cen entrevistas polas súas casas.

Comentarios