Unha parte da nave do Senpa acollerá a futura pista de pádel de Guitiriz

O Concello destina 100.000 euros ao proxecto, que se custeará con cargo ao plan único. Tamén se construirán vestiarios e oficinas
Edificio multiusos.EP
photo_camera Edificio multiusos do Senpa.EP

O Concello de Guitiriz elixiu o interior da nave do Senpa para levar a cabo o seu próximo proxecto deportivo, a construción dunha pista de pádel, dando así resposta ao interese existente por esta práctica entre os guitiricenses.

"Tratar dun deporte á alza e temos veciños que ou practican e que teñen que ir fóra do municipio para poder facelo", precisa a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, que avanza que o proxecto se financiará cunha partida de ao redor de 100.000 euros procedentes dos fondos que lle corresponden ao Concello do plan único da Deputación de Lugo do ano 2020.

A intervención contempla a creación dunha única pista, de dimensións estándar e que estará delimitada por un peche perimetral acristalado. O ancho da nave, de cuxo longo só se usará unha parte para levar a cabo este proxecto, non permitía a posibilidade de construír dúas pistas paralelas, polos que nese espazo dispoñible habilitaranse os vestiarios.

Marisol Morandeira concretou, ademais, que dada a altura que teñen os teitos do inmoble do Senpa, na parte que se reserva para instalar os vestiarios aproveitarase para habilitar un segundo piso. Este destinarase a oficinas que poidan acoller outras actividades, tal e como indicou a rexedora.

A habilitación da nova pista de pádel na nave do Senpa responde o desexo do equipo de goberno de aproveitar estas amplas instalacións para usos sociais e deportivos no futuro, polo que este proxecto supón dar un primeiro paso cara a ese obxectivo.

Co tempo, avanza Morandeira, e en función da disposición de fondos con que conten as arcas municipais, a súa idea é construír unha nave no polígono industrial que poida servir de garaxe para gardar os vehículos municipais, que polo momento permanecerán na parte que non se modifica da nave.

Así, no futuro poderíase ampliar a pista de pádel, de estimarse necesario, ou habilitar outros servizos na mesma liña. De feito, unha parte do edificio xa se acondicionou como vestiario para os operarios municipais e tamén se converteu na sede das clases da Escola Municipal de Música.

A rexedora municipal destaca ademais a contorna do inmoble, libre de circulación e con aparcadoiro, o que favorece a accesibilidade dos usuarios.

Comentarios