jueves. 05.12.2019 |
El tiempo
jueves. 05.12.2019
El tiempo

O parón da térmica pon en xaque máis de 200 empregos das auxiliares

Central térmica das Pontes. CRISTINA ARIAS
Central térmica das Pontes. CRISTINA ARIAS

Os traballadores acordaron en asemblea solicitar reunións con Endesa e o Concello pontés. Os sindicatos cifran en 30 os despedimentos polo momento e anuncian mobilizacións se hai máis

A térmica das Pontes continúa apagada e a falta de actividade, que xa se prolonga durante case tres meses, abre un futuro incerto aos traballadores das empresas auxiliares, que suman máis de 200 empregos vinculados á central. Ante unha situación nova —a central non estivo parada nunca tanto tempo— medra a preocupación, e se esta semana arrincou coa protesta do colectivo de transporte do carbón, que mobilizou 150 camións que chegaron a Madrid, agora son os empregados das auxiliares os que moven ficha.

Tras unha asemblea convocada por UXT, CC.OO. e CIG, que se celebrou o xoves na Lareira, os traballadores acordaron crear unha coordinadora, "con representación de todos vos sindicatos e un representante de cada empresa auxiliar", explican, á vez que indican que aínda están a recompilar o número de traballadores totais con exactitude, porque algunhas empresas non teñen representación sindical.

Os camioneiros, que se reuniron coa conselleira de Infraestruturas e o de Industria, alertan de que é "un problema de todos"

Alén da comisión, na asemblea acordouse solicitar unha reunión co conselleiro delegado de Endesa para "coñecer formalmente as previsión reais" da eléctrica e outra co alcalde das Pontes e o grupo municipais "para trasladarlles a situación actual das compañías auxiliares". Desde os sindicatos cifran nunha trintena os despedimentos que afectaron ata agora ás subcontratas e anuncian que haberá mobilizacións se continúa "a perda de postos de traballo".

"Os traballadores das compañías, algún con máis de 30 anos na central, non poden ser os perdedores, nin traballadores de segunda", din desde os sindicatos, e mostran a súa preocupación polo último anuncio de Endesa de que empezará a dar formación ao persoal propio, "algo que podería ter como obxectivo último a ocupación dos postos de traballo dos compañeiros das auxiliares".

Desde o comité de empresa confirman que onte mesmo houbo unha reunión coa dirección da eléctrica sobre estes cursos, pero defenden que son "módulos formativos para buscar unha ocupación ou alternativa e non para facer novos profesionais nin substituír a ninguén". "Haberá de enerxía solar, eólica, gas e de mantemento", indican, mentres mostran a preocupación por "un futuro incerto para todos". O persoal fixo suma uns 180 empregos.

Desde Endesa reiteran que as obras de adaptación á normativa de emisións europea, cun investimento de 220 millóns, continúan e que o seu único obxectivo é "entrar en operación", algo que non poden facer porque o mercado impídeo —a tonelada de CO2 está a 28 euros no mercado, o seu máximo en once anos—.

TRANSPORTE. O colectivo do transporte, pola súa banda, freou as protestas á espera de que "haxa cambios" e se constitúa a comisión para estudar o futuro da térmica. "Á espera pero co canón cargado; é un problema de todos", incidiu o presidente do colectivo, Manuel Bouza, que o xoves se reuniu coa conselleira de Infraestruturas e o conselleiro de Industria, que garantiron a "máxima firmeza na defensa ante o Goberno central dunha transición enerxética planificada, acordada e que teña en conta o futuro da térmica".

O parón da térmica pon en xaque máis de 200 empregos das auxiliares
Comentarios