O Parlamento pide a Abadín que elimine unha barreira arquitectónica que impide acceder a unha casa

Pilar Fernández, que ten un grao de discapacidade recoñecido do 84 %, vén reclamando o arranxo desde 2013

La vecina de Abadín afectada. EP
photo_camera A veciña de Abadín afectada. EP

Toda a Cámara galega aprobou este mércores por unanimidade, tras sendas propostas de En Marea e PSdeG transaccionadas co PP, pedir á Xunta que se dirixa ao Concello de Abadín co fin de que proceda a emendar os efectos negativos derivados dunhas obras que impiden a unha veciña con discapacidade acceder á súa vivenda. 

Pilar Fernández, veciña de Abadín, que vive no lugar do Coto, na parroquia de Abeledo, xa denunciou en 2015 ao Concello ante a valedora do Pobo, Milagros Otero, por manter "e promover" barreiras arquitectónicas diante da súa casa. Desde 2013 xa viña reclamando ao goberno local que cumprise a Lei de Accesibilidade de Galicia. 

Segundo facía constar no escrito de denuncia, esta veciña ten un grao de discapacidade recoñecido do 84 por cento e necesita dunha cadeira de rodas para poder desprazarse, así como da asistencia dunha persoa para facer vida normal. 

O problema que denuncia esta veciña refírese ao "mantemento" da estrada que hai diante da súa casa, que esixe "a restitución do seu firme" e novas capas asfálticas, o que provocou que a súa altura "non parase de aumentar co paso dos anos". 

Desta forma, Pilar Fernández tiña un chanzo "duns 14 centímetros de altura" que pecha a saída do seu domicilio. Por tal motivo, o que para o resto de veciños é "unha vía de comunicación", para ela converteuse "nunha barreira arquitectónica infranqueable para saír coa súa cadeira de rodas". 

De feito, este mércores na comisión de Política Social, a deputada de En Marea Paula Vázquez Verao remarcou que o pasado 18 de novembro de 2018 a valedora do Pobo, tras "reiteradas" peticións ao Concello de Abadín, informa de que o goberno municipal "continúa sen dar unha solución á barreira arquitectónica". 

Pola súa banda, a deputada socialista Concepción Burgo denunciou a situación de indefensión "e desamparo inadmisible" que vive esta veciña xubilada. Ademais, censura que o alcalde popular de Abadín provocou de xeito deliberado" unha "represalia" de máis de cinco anos e medio contra esta muller. 
 

Comentarios