jueves. 22.10.2020 |
El tiempo
jueves. 22.10.2020
El tiempo

O Parlamento esixe a convocatoria dunha mesa de traballo por unha transición "xusta" nas Pontes

Vista da central térmica das Pontes. AEP
Vista da central térmica das Pontes. AEP
A iniciativa foi defendida polo BNG e contou cos votos a favor de PPdeG e PSOE

Os tres grupos do Parlamento galego aprobaron este xoves instar á Xunta a que reclame ao Goberno central a convocatoria "urxente" dunha mesa de traballo para unha "transición enerxética xusta" nas Pontes, así como unha mesa específica para tratar a problemática do persoal da industria auxiliar de Endesa. A iniciativa foi defendida polo BNG e contou cos votos a favor de PPdeG e PSOE. 

Durante a súa intervención, o deputado nacionalista Ramón Fernández asegurou que Galicia "vive un momento clave" no que "as decisións sobre a chamada transición enerxética marcarán o futuro" de distintas comarcas, entre elas a das Pontes, afectada o peche da central térmica. 

Ramón Fernández, que criticou a "ausencia dunha política industrial" por parte da Xunta e a "improvisación" do Goberno central, alertou do "cadro desolador" do sector enerxético en Galicia e instou a pór medidas para que "a descarbonización non acabe sendo outro drama industrial" na comunidade. 

De non pór medidas, apuntou, o "impacto" do peche de Endesa na comarca de As Pontes e Ferrolterra "vai ser brutal" e Galicia corre o risco de quedar no "vagón de cola da transición enerxética" por afrontar este proceso "sen ter testadas alternativas". 

O deputado popular Miguel Tellado, pola súa banda, criticou a actuación do Goberno central neste ámbito e responsabilizouno de expulsar "pola vía impositiva ás centrais térmicas" de Galicia. "As empresas non falla, pechan porque o Goberno central obrígalles", sentenciou. 

Tellado explicou que o PPdeG "está no mesmo punto que sempre: defendendo a continuidade da planta térmica, que podería seguir operando ata 2040", pero "que o PSOE quere que peche xa". 

Fronte a iso, o deputado socialista Martín Seco remarcou a importancia da coordinación entre todas as administracións dentro dun proceso "marcado" polas políticas da UE "para loitar contra o cambio climático". 

Seco lamentou que esta situación poida levar a que a comarca "poida perder a súa actividade industrial", aínda que cinguiu isto a unha "decisión do cesamento de actividade empresarial" motivado por falta "de competitividade" e "modificación das condicións do mercado". "Debemos ser capaces de chegar a novas formas de riqueza e non limitarse a atacar ao goberno do Estado", resolveu. 

O Parlamento esixe a convocatoria dunha mesa de traballo por unha...
comentarios