Parga, a feira privada que resiste

Un total de 94 veciños enfrontáronse en 1927 ao que daquela era o Concello de Trasparga e gañaron no xulgado a propiedade do Campo da Feira
Antigos cobertizos con postos de roupa na feira de Parga. C.PÉREZ
photo_camera Aantigos cobertizos, con postos na feira de Parga. CRISTINA PÉREZ

DIN QUE É A ÚNICA feira privada que se celebra en Galicia, que non depende de ningún Concello, senón dos veciños, e ten séculos de historia. Pese a iso, a excepcional cita coa venda ambulante en Parga, para a que o Concello de Guitiriz solicitou hai anos a declaración de Interese Turístico Galego, resiste estoica ao paso do tempo e aos cambios, recibindo centos de visitantes nas súas dúas xornadas mensuais: o domingo entre o 9 e o 15 e o último de cada mes.

Non sempre foi así. Ata os anos 80 a segunda feira era a do 28, independentemente do día de semana que caera, pero un só voto de diferenza nunha asemblea desequilibrou a balanza para que sempre se celebrase en domingo. Esa man alzada, valoran agora algúns, logrou cambiar o día no calendario e probablemente, sen sabelo, garantir a supervivencia dos dous días de feira.

Tampouco foi sempre no mesmo lugar. Hai feira dende a Idade Media, ou polo menos documentación que así o acredita -Parga ten título de vila por concesión real e para que iso sucedese tiña que haber mercado-, pero no tempo dos señores feudais celebrábase onde está a igrexa e o pouco que queda agora do castelo.

En 1886, cando Alfonso XII e a súa muller, María Cristina, inauguran nunha viaxe en ferrocarril o novo traxecto Palencia-A Coruña, Parga apostou por subirse a ese tren e trasladou a feira abaixo, ao contorno actual, entre esas vías que cambiaron a vila e o río. E o ir e vir de xentes e mercadorías sobre rodas comezou a ser continuo.

En 1927, o Concello, daquela de Trasparga, intentou apropiarse da feira, do espazo no que se celebraba e da xestión dunha cita que sempre foi motor económico e imán para visitantes. Pero en plena ditadura de Primo de Rivera, 94 veciños reuníronse para plantarlle cara á administración local e gañaron o pleito. Puxeron cada un 1.000 reais -máis do que valía daquela unha vaca- e unha sentenza, arquivada no Archivo do Reino de Galicia no castelo coruñés de San Antón, outorgoulles a propiedade. É comunal, todos son donos de todo pero de nada en particular, excepto das árbores da carballeira: o xuíz recoñece a propiedade e moitas familias saben aínda hoxe de quen é cada unha, pese a ser xa algo simbólico.

A raíz da sentenza, as 94 familias constitúen a Comunidade de Propietarios do Campo da Feira de Parga e regularizan os seus estatutos en 1969, que deixan ler entre liñas o éxito da feira, que debía mover importantes cantidades de diñeiro. A entidade encargábase de organizar a festa, do mantemento da igrexa, da casa parroquial ou do cemiterio. E puxo en pé infraestruturas importantes como os dous edificios que foron escola, a capela ou os alpendres.

"É un réxime xermánico, en vez de asignarse a propiedade á persoa fíxose á casa, polo que agora hai algunhas partidas e outras que desapareceron. Pero é un voto por casa a na asemblea cóntanse os 94 iniciais e para cumprir o quórum hai que acadar a metade máis un", explica Xesús Barreiro, o presidente da Asociación de Veciños do Campo da Feira de Parga, creada nos anos 90 para actualizar, unha vez máis, uns estatutos que aínda recollen que por herdanza o irmán maior ten prioridade sobre o pequeno na titularidade da feira e o home sobre a muller. "Algún día haberá que facer algo, pero non tivemos problemas", di.

Para el, a maior dificultade de xestionar a feira "é a seguridade e o control de espazos" e organizala "é unha responsabilidade, pero unha satisfacción persoal". Ata que colleu o testemuño hai catro anos, con Eliseo Rodríguez e Ángeles Costa, a xestión da feira levaba 34 anos alugada. "O segundo domingo de xullo, á saída da misa de 12, cada dous anos había unha poxa, unha persoa poxaba, ofrecía unha cantidade e a cambio xestionaba a feira, pero votamos e optamos pola xestión directa porque o canon non cubría gastos", di.

"O día que o pobo ten vida é o día da feira", precisa, e asegura que a mentalidade é "non tanto recadar, senon mantela viva". "Cobramos algo simbólico polos postos e os beneficios investímolos en melloras", indica.

A feira de vacún –en Parga nunca se fixo nave– desapareceu nos anos 80, pero segue habendo animais e en tempos de normalidade -agora coa pandemia as restricións obrigan ao 50%- chegan a reunirse uns 70 postos (oito son de polbo) nunha cita que vive máis dos visitantes da Coruña que dos de Lugo e que se move por épocas fixas: a da planta agora, a dos cordeiros, para as festas do verán, e dos porcos, nas matanzas.

Hai algunhas décadas, Parga, que suma actualmente 420 habitantes, chegou a ter unha vintena de tabernas e un salón de baile, o de Modesto. Hoxe quedan abertos catro bares e moitas loitas veciñais -o rexeitamento á supresión aos pasos a nivel sen alternativa, ao peche do centro de saúde ou a recortes de horario na oficina bancaria-. E a feira, que xerou, e xera, moitas transaccións económicas, pero tamén uniu moitos amores, segue sendo o gran motor.

UN ESPAZO VERDE E PROTEXIDO

O Campo da Feira está catalogado como zona verde e está protexido por Patrimonio. Composto por nove parcelas, unha, onde se facía a feira dos cabalos, foi cedida para a área recreativa. A Praza do 28 ten carácter público. A entidade, que colabora na Feira da Cantería, Callos e Artesanía, cede terreos, con petición previa, para outros eventos, como o Parga Rock, as festas de San Roque ou a Mostra de Instrumentos de Pardiñas o ano pasado.

Funcións da entidade A entidade encárgase da xestión da feira e contrata unha empresa para recollida e limpeza, revisión anual das árbores, recollida de folla e desbroces e, polo covid contratou a limpeza dos baños. Paga xestoría, catastro e seguros.

Comentarios