A parcelaria de Fanoi péchase coa entrega de 550 títulos de propiedade a 250 persoas

A Consellería do Medio Rural investiu 1,8 millóns en reorganizar 650 hectáreas de terreo nesta parroquia de Abadín

José González saúda a unha das veciñas que acudiu a recoller os títulos de propiedade. C.PÉREZ
photo_camera José González saúda a unha das veciñas que acudiu a recoller os títulos de propiedade. C.PÉREZ

O conselleiro de Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou a casa do concello de Abadín para participar na entrega dos 550 títulos de propiedade da concentración parcelaria da parroquia de Fanoi, da que se benefician un total de 250 persoas.

José González destacou o "esforzo importante desde o punto de vista orzamentario" que supoñen este tipo de procesos. Neste caso o investimento ascendeu a 1,8 millóns de euros, cos que se custeou a reorganización dun total de 650 hectáreas repartidas en máis de 2.500 parcelas. "Conseguimos multiplicar o tamaño das fincas", salientou González, xa que esa cifra se reduciu a case unha quinta parte. 

O alcalde de Abadín, José María López Rancaño, amosou a súa alegría pola entrega e aproveitou a visita do responsable de Medio Rural para pedir que se empece "en canto sexa posible" a concentración prevista na parroquia de Moncelos.

José González lembrou que nos últimos meses, e logo dun tempo de parálise por cuestións xurídicas, se materializou a entrega duns 9.500 títulos de doce concentracións finalizadas, que beneficiaron a preto de 3.750 veciños.

Avanzou tamén que, segundo se vaian pechando os procesos abertos —hai 96, aos que neste 2021 se destinan máis de doce millóns—, Medio Rural porá en marcha novas reparcelacións —teñen 23 previstas— "pola importancia que ten esta ferramenta para mobilizar terras", especialmente en zonas de relevancia agropecuaria

Entrega de títulos da concentración parcelaria en Fanoi. C.PÉREZ

Comentarios