jueves. 26.05.2022 |
El tiempo
jueves. 26.05.2022
El tiempo

A CHAIRA, 15 ANOS: ABADÍN

O paraíso do grelo lánzase a internet para abrir mercado

2019. Unha década de obras para unha nova casa consistorial. AEP
2019► Unha década de obras para unha nova casa consistorial. AEP
O Concello, que hai tantos anos como ten A Chaira comezou a celebrar a feira do seu produto estrela, dá un pulo á comercialización
Veciñanza
Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (Ige), Abadín, que conta actualmente con 2.322 habitantes, ten 819 veciños menos que hai 15 anos. A media de idade é de 57,32 anos. 
Onde están os marcos? 
Coñecido como a porta de entrada á Terra Chá, suma 196 quilómetros cadrados divididos en 19 parroquias: Abadín, Abeledo, Aldixe, Baroncelle, Cabaneiro, Candia, Castromaior, Corvite, Fanoi, Fraiás, Galgao, As Goás, A Graña, Labrada, Moncelos, Montouto, Quende, Romariz e Vilarente. Limita ao norte con Alfoz e co Valadouro, ao sur con Cospeito, ao leste con Mondoñedo e coa Pastoriza e ao oeste con Vilalba e con Muras.
Quen manda aquí? 
O do alcalde de Abadín, José María López Rancaño (PP), é de récord. O rexedor leva co bastón de mando 37 anos. Acadou o cargo en 1983 e revalidou maiorías absolutas en todos os comicios. Nos últimos o PSOE logrou duplicar a súa representación (suma catro concelleiros) aproveitando a ausencia do BNG, pero sen poñer en risco que Rancaño camiñe cara ás catro décadas no goberno (ten sete concelleiros). 
Para botar un pé
Os máis devotos danse cita no alto da Xesta, na ermida de San Cosme da Montaña, cada 27 de setembro cunha multitudinaria romaría, pero os días grandes chegan con Expogrelo, co Entroido e coa Feira de Santos. 

Hai xusto tantos anos como ten o noso suplemento da Chaira, Abadín, o paraíso do grelo, comezou a celebrar unha feira monográfica para darlle un escaparate ao seu produto estrela e lanzalo ao mercado. E 15 anos despois, xusto neste 2021 de peches perimetrais e de restricións, no que non se puido celebrar Expogrelo debido á pandemia, pero co seu protagonista convertido xa nun referente da verdura galega por excelencia —o grelo de Abadín acadou a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) en 2010—, o Concello aposta polo verde unha vez máis cun novo pulo á comercialización e estrea unha plataforma de venda online. 

O grelo salta así das hortas a internet e de aí a calquera recuncho de España a golpe de clic —na páxina web www.expogrelo.com pódense comprar madas por dous euros a 14 produtores locais— e dá un salto de xigante para levar máis alá de todas as fronteiras o nome dun concello xa coñecido fóra do ámbito municipal por outros manxares, como os queixos elaborados en Lorán, e pola tradición das súas feiras. E tamén por medio mundo, a través dos peregrinos e do Camiño de Santiago, que fai un alto na localidade, considerada fin de etapa.

Para reforzar uns e outros visitantes, promovéronse diversas iniciativas ao longo destes últimos 15 anos. O Concello realizou numerosas obras de remodelación no lugar onde se celebran as feiras, Gontán, para dar un mellor servizo e modernizar as instalacións, e nese mesmo núcleo, conformado por lugares de tres parroquias diferentes (Quende, Abadín e Fraiás), en 2007 inaugurouse, no que era a antiga escola, o albergue público, que ofrece 26 prazas.

Foi o primeiro, pero non o único. Co paso do tempo sumáronse outros tres privados á oferta dun pequeno municipio que sentiu as consecuencias da apertura da A-8, coa baixada radical do tráfico da N-634 ao seu paso polo centro urbano. A Autovía do Cantábrico, ademais de menos xente de paso, deixou moitas páxinas escuras, cun accidente múltiple cunha falecida e numerosos feridos en 2014 e tantas liñas escritas de reivindicacións polos problemas xerados pola néboa e a falta de visibilidade que aínda non están resoltos. 

Os peregrinos non dependen da autovía —que, por certo, inaugurou en Abadín en decembro de 2019 a primeira área de servizo en Galicia cunha aposta do Rei das Tartas—. Quizais por iso, unha década despois de abrir as portas o albergue de Gontán —onde a Confederación Hidrográfica Miño-Sil rehabilitou toda a área recreativa—, inaugurouse o primeiro privado, Xabarín, con 24 prazas. En menos dun ano uníronse Xistral, en Castromaior, con 19, e Casa Goás, con capacidade para 46 persoas, que se suman ás 34 prazas que xa tiña a pensión. En total, 115 propostas para atraer pernoctas. 

Pero houbo outras inauguracións e peches nestes 15 anos que cumpre A Chaira. En 2011 o colexio de Moncelos despediuse dos seus alumnos —en 2008 o concello xa quedara sen Eso no único centro agora aberto, o Ceip Aquilino Iglesia Alvariño—. En 2009 empezou a funcionar o centro de día e en 2012 a antiga cámara agraria abriu transformada en biblioteca.

O novo consistorio, unha obra que se prolongou durante máis dunha década, cun investimento de máis de dous millóns de euros, estreouse en 2019. Tamén se inaugurou unha pista de pádel nos últimos tempos e acaba de nacer unha nova asociación cultural, xuvenil e deportiva, A Rumboia, que chega para dinamizar o concello. Sementes para o futuro. 

Protagonista
Gonzalo Basanta. EPGonzalo Basanta. Preside a asociación Carrilanas A Corda dende a novena baixada. O descenso é un clásico de Abadín que conta con máis anos que A Chaira. En 2019 acadou a maioría de idade coa mirada posta no futuro, coa intención de solicitar ser Festa de Interese Turístico de Galicia e co reto de traer o campionato de España e unha proba do europeo. A pandemia botou o freo dun evento que tamén acolleu Meira en 2019 e que estreará Ribeira de Piquín este ano. 

O paraíso do grelo lánzase a internet para abrir mercado
comentarios