sábado. 26.09.2020 |
El tiempo
sábado. 26.09.2020
El tiempo

A parroquia vilalbesa de Lanzós estrea unha nova agrupación musical

Integrantes da nova formación musical de Lanzós, Cantareiras do Carabullo. SILVIA IGLESIA
Integrantes da nova formación musical de Lanzós, Cantareiras do Carabullo. SILVIA IGLESIA
As Cantareiras do Carabullo veñen de debutar coas súas pandeiretas a raíz dunhas clases promovidas por Asvela que causan furor entre os socios e que son a única actividade na que ninguén se deu de baixa

As terras da Chaira están unha vez máis de noraboa. Dende hai unhas semanas unha nova agrupación enche de música tradicional un recuncho máis da súa capital.

As Cantareiras do Carabullo debutaron oficialmente entre pandeiretas no magosto celebrado na parroquia vilalbesa de Lanzós, onde teñen a súa sede e comezaron a dar os seus primeiros pasos, e fixérono entre aplausos e vítores do respetable.

A historia deste novo e exitoso grupo musical, que espera levar as súas melodías por toda a comarca chairega ao longo de moito tempo, xestouse hai aproximadamente un ano, cando dende a asociación de veciños Asvela decidiron ofertar para os seus socios clases de pandeireta. Unha nova alternativa de ocio e diversión que causou furor.

E é que o obradoiro funcionou ás mil marabillas e logrou reunir preto dunha vintena de asistentes, que pasaron de ser simple afeccionados ás melodías tradicionais a converterse en membros dunha nova agrupación liderada polo músico guitiricense Javier Lodeiro.

"É dos poucos cursos que promoveron que non só non perden asistentes, senón que van sempre a máis", explican dende a directiva, satisfeitos pola acollida e a resposta dos socios.

Aínda que o debut oficial non chegou ata hai algunhas semanas, o ano pasado xa participaron nunha xuntanza no muíño de Corvite, en Abadín, a onde tamén acudiron os grupos de Moncelos e San Lourenzo de Árbol, "nos que tamén imparte clases Javi", recordan desde Asvela, dende onde explican que cada venres se reúnen para ensaiar.

"Xuntámonos na escola de Lanzós ao redor de dúas horas. Os ensaios empezan tarde, sobre ás 22.00 horas, xa que algunha xente que asiste ao curso vive fóra, e outros tamén traballan. Así que había que buscar un horario que se adaptase ben á maioría. Ademais ao longo da semana xa organizamos outros cursos e había que repartir", indican dende a entidade veciñal.

Dende ela son conscientes de que esas dúas horas nas que se xuntan son moi valiosas para aprender música e mellorar ritmos e cancións, pero tamén para compartir charlas, anécdotas e risas.

As Cantareiras do Carabullo contan nas súas filas cun grupo variopinto de integrantes. "O máis novo pode ter en torno aos 28 ou 30 anos e a maior é Josefa, que xa cumpriu os 80", explican desde a entidade, desexosos de poder sumar moitos anos á súa recén estreada agrupación musical.

A parroquia vilalbesa de Lanzós estrea unha nova agrupación musical
comentarios