Palabras unidas polo Sáhara

A mestra lucense Sabela Núñez Singala, asentada en Muimenta dende hai tres décadas, vén de publicar 'Relatos en pontencia', unha obra coa que recada fondos para dotar dunha biblioteca o campamento de refuxiados de Dajla, en Tinduf

Sabela Núñez Singala, cun dos exemplares. MARTA MANCEBO
photo_camera Sabela Núñez Singala, cun dos exemplares. MARTA MANCEBO

"Un proxecto de axuda mutua". Así é como cualifica a mestra lucense Sabela Núñez Singala, afincada en Muimenta dende hai tres décadas, a iniciativa na que está inmersa e para a que xuntou 4.095 palabras -nin unha máis, nin unha menos- en Relatos en potencia, un libro co que recada fondos a prol do Sáhara.

"Descubrín hai un par de anos o Bubisher, unha rede de bibliobuses que levan lecturas aos nenos saharauís. Comezaron facéndoo con autobuses adaptados como espazos de animación á lectura e, a día de hoxe, contan con bibliotecas nos catro campamentos do Sáhara", explica.

A última terminou de construírse no verán e a finais do mes pasado inaugurouse. "Púxenme en contacto con eles e pasáronme unha relación de títulos de libros infantís que lles gustaría ter nos estantes da biblioteca do campamento de Dajla, agora están no proceso de dotala", conta Sabela, a quen, para conseguilo, se lle ocorreu a brillante idea de xuntar palabras.

Así foi como naceu Relatos en potencia, en alusión a súa profesión como mestra de matemáticas no instituto da Pontenova. "Cada capítulo leva por título unha potencia e en función do valor que teñen, así é o número de palabras de cada capítulo", indica a escritora, explicando que se trata de "microrrelatos" que teñen por obxecto "sorprender" ao lector.

"O último, que ten 2.048 palabras, está relacionado cos campamentos de Tinduf", engade Sabela, que tivo ocasión de visitalos nunha viaxe en 2014, onde quedou namorada dos "sorrisos" deses pequenos "que sen ter nada son felices, teñen ganas de aprender e moito potencial".

Este segundo traballo editorial -publicou O agasallo de Anya con Galaxia en 2013, un proxecto que tamén naceu dunha iniciativa solidaria- saíu á luz o pasado 24 de outubro, coincidindo co Día das Bibliotecas, e cunha tirada de 175 exemplares.

"Está funcionando moi ben. Xa levamos vendidos 130 exemplares nuns 15 días. A acollida está sendo moi boa", indica a escritora, que se encarga persoalmente de distribuílos e á que lle gustaría poder facer unha segunda tirada. "Os gastos serían menores, así que conseguiriamos beneficios máis altos", explica.

O libro, que ten un custo de nove euros -doce cos gastos de envío-, pode solicitarse a través de Uno Editorial ou no blog www.lecturadecores.blogspot.com, onde a mestra relata como xurdiron esta e outras iniciativas de carácter solidario nas que participou.

"Os beneficios íntegros de Relatos en potencia destinaranse á adquisición deses libros que precisan para a biblioteca de Dajla", confirma Núñez Singala, mentres avanza que a entidade "pediu títulos en español e, sobre todo, diccionarios", aínda que polo medio ten previsto enviar tamén algún exemplar de O agasallo de Anya.

En principio, a escritora mandará os libros a través de Bubisher "para que lles cheguen canto antes", pero non descarta regresar algún día ao Sáhara.

"Gustaríame ir e ver a biblioteca chea deses títulos que enviamos dende aquí", di, cun sorriso eterno, o mesmo que brillará nas facianas deses pequenos refuxiados saharauís do campamento de Dajla cando se mergullen nas súas historias.

Comentarios