De pai a filla a prol de Meira

Dúas xeracións dunha mesma familia pasaron xa pola asesoría meirega Mel, que conta con case 40 anos de historia e segue medrando
Raquel e Luis Mel cos empregados Lucía Pardo, Marco Antón Díaz e Beatriz Méndez. e
photo_camera Raquel e Luis Mel cos empregados Lucía Pardo, Marco Antón Díaz e Beatriz Méndez.

Cando era pequena, a meirega Raquel Mel soñaba con ser enfermeira, pero, cousas da vida, finalmente acabou sendo asesora. E é que se podería dicir que estaba predestinada porque esta profesión a viviu desde que era nena xunto a seu pai Luis, que fundou no ano 1985 a Asesoría Mel no municipio. "Ofrecía servizos fiscais e contables e tamén axudaba á xente das aldeas a arranxar os papeis para as subvencións. A xente tiña moita confianza co meu pai e iso notábase", comenta Raquel, quen ten moitos recordos na oficina orixinal que estaba debaixo da vivenda familiar. "Era como a miña segunda casa, baixaba en zapatillas, facía alí os deberes... Os clientes eran coma da familia", comenta.

Foi no 2017, trala xubilación de Luis, cando ela tomou as rendas do negocio. "Logo de rematar os meus estudos superiores optei pola idea de quedar na vila onde nacín, seguir o camiño andado por meu pai e deseñar un futuro en Meira. Non podía deixar que a asesoría pechase", di a moza, que seguiu cunha visión de negocio que non se apartaba das raíces, pero á que lle deu un xiro de 360 graos. "Incorporei un apartado laboral e legal, creei un departamento de tráfico e no 2018 naceu a inmobiliaria".  Este último servizo púxose en marcha para dar vida ao rural, segundo confirma Raquel: "A min gustaríame que as aldeas sigan cheas de xente e coa nosa oferta intentamos que as casas baleiras se volvan ocupar".

Así, a asesoría seguiu medrando e se nuns inicios traballaban nela dúas persoas, agora xa son cinco. "Quixen adaptarme aos novos tempos e hoxe en día somos moi activos nas redes sociais, subimos posts con información de interese e logramos converternos nun punto de referencia para o novo autónomo", engade a meirega, que está moi orgullosa do seu equipo e de seguir co legado de seu pai. "El está xubilado, pero vén tomar o café con nós a diario e sempre está cando o necesito, como miña nai Isabel. Ao final esta asesoría é máis que un negocio, é unha gran familia con xente moi valiosa. Intentamos axudar aos veciños seguindo os principios do rigor, a constancia e a lealdade, e eles saben que aquí estamos para o que precisen", conclúe Mel.

Comentarios