O pai de Desirée reivindica a prisión permanente revisable no crime da súa filla

José Manuel Leal, que acaba de contratar a un avogado, presentarase como acusación particular na causa

Colegio al que acudía Desirée, de Muimenta. A.C.
photo_camera Colexio ao que acudía Desirée. A.C.

José Manuel Leal, o pai de Desirée, a nena que apareceu morta na súa cama en Muimenta o pasado 3 de maio, reivindica a prisión permanente revisable para os "asasinos de nenos" e faino poucos días despois de facerse pública a decisión da responsable do Xulgado de Instrución número 1 de Vilalba de acusar á súa exparella, e nai da súa filla, como a presunta autora dun delito de asasinato ou homicidio.

Foi o pasado xoves, o día que a xuíza decretou prisión comunicada e sen fianza para Ana Sandamil, que foi trasladada de Psiquiatría á unidade de custodia de presos do Hula, despois de negarse a declarar aconsellada polo avogado da familia, o begontés Luis Rifón . Alí permanecerá ata que reciba a alta médica, e nese momento será enviada a prisión, tal e como informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ese mesmo día.

O proxenitor da pequena de sete anos de Muimenta, que acaba de contratar a un avogado -polo momento non quere facer público o seu nome ata non polo no seu coñecemento-, asegura que loitará "para que se faga xustiza" e para que "quen ou quen teñan algún tipo de responsabilidade en todo isto a asuman".

"Como pai do meu amor estou totalmente a favor da prisión permanente revisable e loitarei para que a presunta asasina da miña filla pague", reafírmase José Manuel Leal, que segue sen entender "que pasou".

"A xente que é capaz de asasinar a un neno non ten reinserción posible, igual que os que cometen violacións ou delitos de sangue. Matar a unha nena non pode custarche só dez anos de cárcere para volver saír á rúa", di un pai "roto" pola dor, mentres reabre un debate difícil sobre a pena máxima que contempla o Código Penal e que xera tanto apoios -o pai de Diana Quer e doutras vítimas levaron ao Congreso en marzo deste ano case tres millóns de firmas nunha campaña contra a derrogación da lei- como moitas dúbidas e discrepancias.

O pai de Desirée, que está de baixa laboral desde que recibiu a tráxica noticia da morte da súa filla, aínda non está persoado na causa, porque esta segue baixo segredo de sumario, pero adianta que se presentará como acusación particular.

"Como está baixo segredo de sumario polo momento non teremos acceso a nada, esteamos acudidos ou non, polo que aínda non o fixemos", di un home que recoñece que as cousas para el van lentas porque quere saber o que pasou, pero que defende que "van como teñen que ir" porque o importante, di, é que a investigación se faga ben. "Nada vai devolverme xa á miña nena agora pero polo menos quero saber", afirma.

"Volvo dicilo, confío plenamente na Garda Civil e na autoridade xudicial", indica o pai de Desirée, que asegura que polo momento el, nin ninguén do seu ámbito familiar, recibiu ningunha comunicación oficial. "Séguese investigando, tampouco ten ningunha información o meu avogado, que non sabe nada, e imaxino que tampouco a outra parte", asegura José Manuel Leal, que explica que nin tivo ningún contacto coa súa exparella desde o tráxico 3 de maio, cando o chamaron para comunicarlle que a súa filla morrera, nin tampouco cos avós maternos, aos que viu por última vez o día do enterro.

O avogado de Ana Sandamil tampouco quixo comentar ningún pormenor do caso nin falar sobre a situación na que se atopa a súa clienta, que o que si pode é recibir visitas, a pesar de estar en custodia.

SECRETO DE SUMARIO. A tardanza en levantar o segredo de sumario, que se mantén un mes despois dos feitos e de que a xuíza ordenase a detención de Ana Sandamil o pasado xoves, non convence a todos e crea desazón e incerteza entre os máis próximos. Pero aínda que fontes próximas á investigación non entenden tanto mutismo, outros valoran que as decisións non se precipiten para que non se comentan erros.

A investigación da xuíza responsable do Xulgado de Instrución número 1 de Vilalba, que chegou á capital chairega hai poucos meses para cubrir unha baixa, supostamente aínda non está pechada á espera dos resultados dalgunhas das probas complementarias á autopsia.