O pai de Desirée Leal reclama que Ana Sandamil pague as costas do xuízo

José Manuel Leal calcula que o importe ascenderá a 12.000 euros
José Manuel Leal. XESÚS PONTE
photo_camera José Manuel Leal. XESÚS PONTE

O pai de Desirée Leal, a nena de sete anos asasinada pola súa nai en maio de 2019 en Muimenta, José Manuel Leal, quere que Ana Sandamil pague as costas do xuízo que a condenou a prisión permanente revisable por este crime. 

Por mor da celebración dunha vista para decidir se se lle amplía a prisión provisional mentres se decide sobre o recurso presentado ante o TSXG pola súa defensa, o pai da vítima confiou en que o alto tribunal galego vaia na mesma liña de condena que a Audiencia Provincial e que ela poida acudir ao Tribunal Supremo. "Non ten nada que perder, máis cárcere non lle vai caer", dixo. 

En todo caso, criticou que Sandamil "teña diñeiro para pagar ese recurso e non o teña para pagar as costas do xuízo" nin a indemnización. "Se a xustiza estivese doutra forma penso que aínda que estea no seu dereito a recorrer ten que facerse cargo das costas do xuízo, ao meu suponme un desembolso importante de diñeiro e pagar ao avogado", engadiu. 

José Manuel Leal calculou que coas "costas" do xuízo de Lugo, 6.000 euros, e as que se deriven do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, outros 6.000, el gastouse "sobre 12.000 euros". 

Comentarios