O pai de Desirée Leal denunciará por falso testemuño aos pais da asasina

Prevé tomar a mesma medida co noivo de Ana Sandamil e dúas amigas
José Manuel Leal. XESÚS PONTE
photo_camera José Manuel Leal. XESÚS PONTE (ARQUIVO)

José Manuel Leal, o pai de Desirée Leal, a nena asasinada pola súa nai en Muimenta en maio de 2019, asegurou que segue en pé a idea de denunciar por falso "testemuño" aos avós da menor, así como ao noivo da condenada, Ana Sandamil, e a dúas amigas. 

Leal anunciou que presentará a denuncia cando o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) resolva o recurso contra a condena a prisión permanente revisable que lle impuxo á súa ex parella a Sección Segunda da Audiencia Provincial de Lugo. 

Leal afeou que os pais de Sandamil e "outras persoas" fosen ao xuízo "a mentir", polo que a condición de que sexa "viable" procederase a interpoñer unha denuncia por ese "falso testemuño" que lles atribúe. "Se o avogado ve que non se vai chegar a nada, haberá que aguantarse", asegura. 

Ademais, inclúe unha " amiga da avoa de alí, de Muimenta", que cre que "cometeu falso testemuño" e que asegura que no xulgado de Vilalba que levou a investigación incorreu en "contradicións". 

Leal entende que unha "amiga de Meira" de Sandamil tamén "mentiu", igual que o noivo. "Non acabo de entender que haxa xente que poida defender a ese monstro, a unha asasina", lamentou o pai de Desirée. 

A nai da pequena foi condenada a prisión permanente revisable despois de que un xurado popular a atopase culpable de matar a Desirée Leal cando tiña sete anos.