O pai de Desirée estuda denunciar aos avós maternos por "falso testemuño"

á súa chegada, Ana Sandamil volveu a ser increpada con berros de "monstro" ou "asasina"
José Manuel Leal. XESÚS PONTE
photo_camera José Manuel Leal. XESÚS PONTE

O pai da pequena Desirée, supostamente asasinada pola súa nai en Muimenta, Cospeito (Lugo), afirmou este mércores que non descarta denunciar aos avós maternos da nena por incorrer "en falso testemuño" durante o xuízo que se celebra estes días na Audiencia Provincial de Lugo por ese crime. 

En declaracións aos medios ás portas do tribunal, pouco antes de iniciarse a cuarta xornada do xuízo contra Ana Sandamil, José Manuel Leal apuntou que estuda formular esa denuncia, ao entender que pais da acusada faltaron á verdade. "Iso é algo que teño claro, aínda que non se está xulgando iso. O principal é o que se está xulgando e non quero desviar a atención do importante", subliñou. 

En todo caso, afirmou que "claro" que se expuxo emprender accións legais contra os avós maternos, "en moitas ocasións", pero pospuxo a decisión porque agora mesmo a súa "prioridade" é que a presunta asasina "sexa declarada culpable e sexa condenada coa prisión permanente revisable". 

José Manuel Leal explicou que non entende "por que se mente desa forma", en alusión ás palabras da avoa materna sobre que vira á pequena "coa boquita pechada e sen signos de violencia". "E comprobouse a través de fotografías e declaracións de policía xudicial o estado do corpo da nena coa boca aberta, con chagas, esnaquizada e sangue nos brazos", lamentou. 

"A maiores, a Garda Civil declara que lle piden o terminal telefónico á nai, que lle faga entrega del. A nai mira para o avó materno porque estaban xuntos na habitación e o pai di que non, que non faga entrega do terminal. Para min iso é intentar ocultar algo, cando o pai di que non faga entrega dese telefóno móbil e ela ao mirar ao pai di que non o entrega", sinalou. 

O pai de Desirée tamén valorou os testemuños dos axentes da Garda Civil que interviñeron na investigación e que acreditaron que a nai da nena, de sete anos, "estaba á defensiva do que se lle estaba preguntando, totalmente corda, non afectada, e aí vén abaixo, co do brote sicótico e que non se acorda de nada". 

De novo este xoves un forte dispositivo policial tivo que custodiar a chegada de Ana Sandamil á Audiencia Provincial de Lugo, e no traxecto volveu a ser increpada, con berros de "monstro" ou "asasina".