A Chaira, 15 anos: Campo

O ouro branco manda nunha terra chea de posibilidades

Hai leite, pero tamén mel, horta, razas autóctonas, gando do monte, plantacións e iniciativas pioneiras, coma o centro de recría
2015\> Grandes tractoradas para esixir prezos xustos no leite. AEP
photo_camera 2015► Grandes tractoradas para esixir prezos xustos no leite. AEP
Ollo ao dato
O único viveiro forestal da provincia dependente da Xunta atópase en Sambreixo (Guitiriz). Nas súas dez hectáreas cultívanse numerosas especies arbóreas, que se usan en campañas divulgativas ou en montes de xestión pública, e tamén produce sementes.
Aquel día
O 3 de outubro de 2008, a daquela ministra de Medio Ambiente, Medio Rural y Marino, Elena Espinosa, acudía ao Arneiro para inaugurar a modernización do regadío da comunidade de regantes Río Miño Pequeno, unha obra clave para a supervivencia das explotacións gandeiras da zona, na que se investiron 4,4 millóns de euros. A rede de tubaxes suma 27 quilómetros que abarcan 775 hectáreas de terreo  . 
Escrito en pedra
A escultura Muller Rural, obra de Víctor Corral, preside dende este 2021 a entrada de Begonte, nunha zona axardinada entre a N-VI e o centro de saúde. Está sobre unha pedra tallada por Quijada Canteiros na que se recolle unha dedicatoria do propio Corral: «Á muller labrega/polo seu traballo/na casa e na leira./Grazas por tanto». A obra recolocouse aí logo de ser retirada hai anos da súa localización orixinal na Praza Irmáns Souto Montenegro, ao pé da casa do concello. 

Nos anos 50 e 60 leváronse a cabo os procesos de colonización chairegos, cos que se crearon os poboados de Matodoso, O Arneiro, Veiga de Pumar e A Espiñeira nunha superficie de 2.500 hectáreas de Castro de Rei e de Cospeito, con preto de 200 granxas e unhas 4.000 cabezas de raza frisoa, toda unha novidade nunha época na que mandaban as vacas do país.   

Aquel plan franquista de desenvolvemento rural mantén aínda hoxe as zonas de colonización como un dos grandes referentes a nivel gandeiro, unha consideración que se estendeu a boa parte da Chaira, onde hoxe hai unhas 57.000 vacas leiteiras de máis de dous anos en máis dun milleiro de granxas. As que resisten logo de peches e de fusións, da supresión da cota láctea, da lingua azul, de épocas de certa bonanza e de outras críticas, que conlevaron mobilizacións, derramamentos de leite e tractoradas para visibilizar a eterna reivindicación, prezos dignos para o ouro branco.

Por esta pegada, dende a mesma Deputación de Lugo que en 1942 poñía en marcha a Granxa Gayoso Castro —o nome non vén de onde está, Castro Ribeiras de Lea, senón do presidente do ente provincial daquela, José Gayoso Castro— como un recurso agrogandeiro con produción láctea, cultivos ou froiteiras, inaugurábase en xuño de 2018 o primeiro centro de recría público de gando vacún de leite de España, cun investimento de doce millóns e capacidade para acoller 3.000 animais. As xatas entran cuns poucos días de vida e as xovencas saen próximas ao parto, cuns dous anos de vida.

Non é a única modernización que se fixo nos terreos da obsoleta granxa, pois tamén vén de poñerse en marcha a innovadora Unidade de Leite, unha granxa experimental á que se destinaron 1,2 millóns que fai as veces de laboratorio para as prácticas dos estudantes do Campus Terra.

A típica estampa dunha frisoa quizais sexa o primeiro que se vén á cabeza ao falar da produción da comarca, unha imaxe lóxica se se pensa nas cooperativas existentes ou na implantación de fábricas que transforman uns 1,7 millóns de litros de leite ao día. Ás históricas Lorán, Leitigal, Celta —convertida en Naturleite, de Covap, en 2019— e Lactalis, as queixerías de San Simón e a do Eume, sumáronse dende que A Chaira existe, Innolact, Cas Leiras, Entrepinares ou Bisqato.

Pero a imaxe común está lonxe de ser a única. E serve tamén como mostra a granxa Gayoso Castro, onde Acruga ten un centro de recría da raza autóctona por excelencia, a rubia galega, e onde Asoporcel proxecta, co apoio da Deputación e da USC, un centro de reprodución e mellora xenética do porco celta, raza 100% galega que xa suma máis dunha vintena de granxas e uns 800 exemplares na volta.
Os cumes chairegos, sobre todo os de municipios como Abadín, Muras, Xermade ou Vilalba, están inzados de cabalos e de vacas do monte e en todo o territorio hai granxas de porcos, de pitos e de coellos, sen esquecerse dos criadores do famoso e tradicional Capón de Vilalba ou da aposta polas razas autóctonas, que vai máis alá do porco celta.

Hai ganderías de cachena, caldelá ou frieresa, pero sen dúbida outra especie que experimentou unha grande evolución dende que a Chaira existe é a Galiña de Mos. A súa asociación, Avimós, nacía hai 20 anos en Vilalba da man de sete criadores e hoxe suma uns 800 produtores asociados en España, a maioría de autoconsumo.

Tamén hai que mirar á zona dos colonos para falar de agricultura industrial, neste caso da produción de froitos vermellos —amora, fresa e framboesa— logo da conversión de 28 hectáreas de terreo de antigas granxas nun particular El Ejido chairego, coas ducias de invernadoiros postos en marcha por Surexport, que desembarcaba en Cospeito logo de estrearse en 2013 en Pacios, onde alugaba 70 hectáreas de monte comunal para apostar polos arandos. 

E esa é outra das grandes riquezas chairegas, as terras en man común, existentes en dez dos 13 concellos —non hai en Meira, en Ribeira de Piquín e nas Pontes—. En total, hai 94 comunidades, con Abadín (15), Guitiriz (14), Vilalba (14) e Castro de Rei (11) á cabeza. As plantacións son unha tónica común —o sector forestal e as empresas madeireiras son outro piar, tanto en montes comunais como fóra deles—, pero hai outros aproveitamentos: gando, forraxes, cultivos ou a recolección de setas, coma no monte veciñal da parroquia guitiricense das Negradas.

E tanto fai 15 anos coma hoxe, había e hai unha demanda: rachar co minifundismo. A Xunta parece querer darlle un novo pulo ás concentracións parcelarias, lastradas pola eterna duración dos procesos. Quizais sexa o momento para revisar as feitas ou propoñer outras novas. A Pastoriza, con 21 rematadas do medio cento completadas na zona —chegaron a iniciarse 67—, é un municipio pioneiro, mentres que en Begonte, Guitiriz, Meira, Muras e Ribeira de Piquín non se materializou ningunha. En total, reestruturáronse unhas 44.000 hectáreas. 

E hai producións agropecuarias de sempre que están a vivir un novo auxe. Coma o mel, con experiencias particulares en varios municipios e varias significativas, a divulgativa da Casa do Mel de Goente e as do Concello de Muras e a asociación Serra da Carba, que quere crear sendos apiarios. E coma as hortas, con varios negocios da man de emprendedores locais. Unha aposta por vivir da terra vivindo na terra.

Protagonista
Francisco López, presidente de Craega. EPFrancisco López O responsable da gandería ecolóxica Casa Ánxel de Crecente (A Pastoriza) preside dende 2017 o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), cuxo labor a prol da produción sostible foi recoñecido co premio Aresa en 2019. A entidade suma 68 produtores certificados entre as comarcas de Terra Chá e de Meira e o concello das Pontes, con todo tipo de produtos: horta, mel, xatos, carne, ovos, pitos, años, setas, herba, plantas e, por suposto, leite, que lidera o mercado. Só Lactalis envasa máis de 20 millóns de litros de leite ecolóxica, a maioría deles na súa fábrica de Vilalba.

Comentarios