Un oso esnaquiza 14 colmeas en Ribeira de Piquín

O animal, ao que un veciño viu pola estrada, atacou varias veces o apiario

Un veciño de Ribeira de Piquín denuncia que un oso pardo esnaquizoulle 14 colmeas que tiña no monte de Mestre, na parroquia de San Xurxo de Piquín. A pesar de que el non o viu, relata que outros veciños o alertaron de que andaba merodeando pola zona e que o atopou cando conducía pola estrada que vai á Pontenova. "Dixo que era moi grande, era a primeira vez que vía un, e que ía diante do seu coche e andaba ben rápido", di.

O primeiro ataque nas súas colmeas produciuse hai xusto oito días, cunha incursión que acabou con tres esnaquizadas. Pero non foi o único e finalmente das 14 que tiña apenas quedou unha en pé. Case todas as abellas morreron -había tres baleiras-e os restos dos cadros e os panales quedaron e esnaquizados polo chan.

"Estaba xa a metade do dano feito cando nos demos conta, pero volveu dúas ou tres veces e acabou con todo", indica este apicultor, que asegura que xa sufriu a visita dun oso no seu colmenar hai uns dous anos. "Daquela estropeoume catro colmeas e polo que oín ía en ruta e fixo máis danos noutras zonas, pero desta vez non sei de ninguén máis", di, mentres explica que tras as desfeitas altertó á Garda Civil, que lle instou a avisar ao Seprona e a porse en contacto con Medio Ambiente, que enviou este luns a dous axentes.

"Dá dor de cabeza ver como deixou todo, non queda nada"

"Non lles sorprendeu moito, deben saber por onde andan os osos, pero como non tiña as colmeas dadas de alta non me dan nada", laméntase, á vez que sinala que non cobrará ningunha indemnización económica nin recibirá ningunha axuda. "Non me dan nin o pastor, que din que noutras zonas está a funcionar", indicou.

O modelo de colmea que utilizaba era tipo Layens, que consta dunha caixa de entre 12 e 14 cadros, feita con madeira de castiñeiro. Os axentes indicáronlle que o prezo estimado que percibiría por cada unha se estivesen dadas de alta serían máis de 100 euros.

O home lamenta as perdas económicas que este ataque lle causa, pero tamén o dano sentimental que supón. "Crecín entre as abellas, con 14 anos metinme neste mundo para pasar o tempo e así sigo", apunta. "Dá dor de cabeza ver como deixou todo, non queda nada e eran unhas colmeas que coidaba dende que era un neno. Alí non as vou volver poñer", laméntase.

Comentarios