A oposición vilalbesa esixe un novo orzamento, que o PSOE prevé ter este mes

As mocións do PP e VA foron rexeitadas nun pleno no que se aprobou unha dedicación exclusiva para a edila de feiras, Antía Rama
Elba Veleiro, na casa do Concello. C. PÉREZ
photo_camera Elba Veleiro, na casa consistorial. C. PÉREZ

O PP e Vilalba Aberta uníronse este xoves para esixirlle ao goberno local de Vilalba a elaboración de orzamentos municipais para 2022, nunha extensa sesión plenaria telemática cuxo orde do día chegou aos 45 puntos. A moción presentada polo grupo popular foi rexeitada en segunda volta polo voto de calidade da alcaldesa, Elba Veleiro, a pesar dos oito votos favorables de ambas as formacións —Inmaculada Ramudo, do PP, non estivo presente e houbo empate—.

Con todo, a moción exposta por Vilalba Aberta en forma de reprobación á concelleira de facenda, Marta Rouco, pola "súa inacción", só contabilizou os apoios dos dous edís da agrupación, mentres que o PP se abstivo e o PSOE situouse en contra.

Aínda que o fondo da cuestión era similar e incluso o portavoz de Vilalba Aberta, Modesto Renda, solicitou a refundición do debate, as dúas mocións foron abordadas por separado. En ambos os casos, afeouse ao equipo de goberno que leve máis de tres anos con orzamentos prorrogados e que iso ocasione "alegalidade" na prestación do servizo de recollida de lixo, en palabras da popular Sandra Vázquez, ou que siga "estancada a ampliación do polígono Sete Pontes". Renda engadiu que dá por "perdida" esta lexislatura.

A oposición afeou ao equipo de goberno que leve máis de tres anos con orzamentos prorrogados

A estas acusacións, Rouco respondeu que "existen as modificacións de crédito" e que "a veciñanza de Vilalba non vese afectada por ter un presuposto prorrogado", xa que os investimentos fanse "con cargo a remanentes", algo que provocou a indignación da oposición. Ademais, a responsable de economía e facenda xa avanzou que "está lista a liquidación de 2021" e está previsto presentar un novo orzamento "este mes".

O punto sobre as contas municipais non foi o único no que PP e Vilalba Aberta coincidiron, senón que tamén o fixeron no relativo á aprobación dunha dedicación exclusiva de 23.000 euros brutos anuais para a concelleira de feiras e mercados, Antía Rama, e a supresión de dous parciais do 65% e unha do 15%. Así, afórranse uns 10.000 euros das arcas municipais. Os socialistas votaron a favor e a oposición abstívose, aínda que criticaron que o PSOE "non aprete o cinto".

Sobre o proxecto de mellora do saneamento e a Edar de Vilalba, houbo acordo unánime, pese ao reproche da bancada popular porque o PSOE "esixira unha nova depuradora cando ou PP apostaba por un tanque de tormentas, que agora parece que xa lle vale".

O centro de día e o plan de mobilidade coparon o debate
Dúas mocións do PP vilalbés, as relativas ao centro de día e á presentación do plan de mobilidade urbana, centraron o debate no pleno. 

Comparecencia 
O PP pediu a comparecencia da edila de servizos sociais, Marta Rouco, para coñecer detalles do proxecto para o centro de día de Vilalba, ao que esta contestou que "primeiro hai que ter o terreo e, logo, o proxecto". Respecto diso, Renda cuestionou o "curto prazo" dado para presentar ofertas no proceso de compra dun solar. 

Un plan xa acabado 
O PP tachou de "caótica" a circulación no centro urbano vilalbés e instou a presentar o plan de mobilidade —VA abstívose—, ao que o responsable de infraestruturas, Luis Fernández, asegurou que "xa está rematado". Tamén dixo que os sinais "están encargados, pero hai problemas de subministración". 

Refuxiados e permutas 
Vilalba Aberta levou outras dúas mocións. Unha era sobre un plan de permutas voluntarias de terras de uso agrícola, que o PP considerou "boa idea" a pesar da falta de concreción —non prosperou polo rexeitamento do PSOE—, e outra sobre a desafectación das casas de mestres da Rúa Cuart de Poblet para acoller a refuxiados, que foi retirada.

Comentarios