martes. 24.11.2020 |
El tiempo
martes. 24.11.2020
El tiempo

A oposición reproba a alcaldesa pola "inacción" do goberno vilalbés

Sesión plenaria celebrada este xoves en Vilalba. S.I.
Sesión plenaria celebrada este xoves en Vilalba. S.I.
Na moción, presentada polo PP como "un toque de atención" e apoiada por Vilalba Aberta, Elba Veleiro defendeu as súas políticas e aludiu ás dificultades provocadas pola pandemia de covid

Os grupos da oposición de Vilalba aprobaron este xoves no pleno ordinario a reprobación á alcaldesa pola "inacción" do goberno municipal, unha moción presentada polo Partido Popular que contou co apoio de Vilalba Aberta a modo de toque "de atención para que se dea un cambio de rumbo nun grupo que chegou con promesas e agora conduce a Vilalba a mal lugar", tal e como argumentou Agustín Baamonde.

O exalcalde exemplificou o "desleixo" da corporación na "incapacidade para aprobar uns presupostos e o PXOM", o atraso na renovación do contrato de lixo ou a falta de concreción no proxecto do polígono, entre outros asuntos, mentres Vilalba Aberta defendeu que era "inaudita a falta de propostas do goberno" e criticou que "o seu único plan é dicir que o PP o facía peor".

A rexedora, Elba Veleiro, defendeu as políticas do seu equipo de goberno e achacou ás "novas circunstancias provocadas pola pandemia" algunhas desas acusacións. Así, explicou que o PXOM está en marcha e o seu borrador "xa foi exposto entre o 14 de xullo e o 14 de setembro", que no caso do parque empresarial se está "a piques de desbloquear un punto negro que impide a ampliación e venda de parcelas" ou que o atraso co contrato de limpeza débese a que de momento "non sábese a dispoñibilidade económica do Concello".

Por outra banda, a sesión, que contou a comparecencia das concelleiras de educación e de cultura a petición do PP, tivo varios momentos de tensión, especialmente no relativo ao momento presentado polo PSOE no que se instaba á Xunta a reforzar a atención telefónica no centro de saúde de Vilalba, así como a súa remodelación para dotalo de máis zonas de espera e renovar especialidades como xinecoloxía e oftalmoloxía.

Vilalba Aberta referiuse aos problemas da traída municipal, para o que solicitan un fondo de compensación para subvencionar o cobro de recibos aos veciños afectados —aprobado cos votos a favor do PP—, así como ao cumprimento e a materialización dos acordos plenarios por parte do grupo de goberno, como a posta en marcha dunha liña de axudas directas para autónomos e pemes e outra para a conciliación, que foi sacada adiante por unanimidade.

Finalmente, e aínda que a sesión se alongou durante máis de catro horas, votouse a inclusión de dúas mocións de urxencia. A do PP retirouse e converteuse en rogo e a de Vilalba Aberta, que pedía a comparecencia do tenente de alcalde polo contrato de lixos, quedou aprazada.

A oposición reproba a alcaldesa pola "inacción" do goberno vilalbés
comentarios