Fonmiñá: por onde o Miño vai feito todo un mociño

O pai dos ríos galegos nútrese nesta paraxe de singular beleza
Miño ao seu paso por Fonmiñá. SILVIA IGLESIA
photo_camera Miño ao seu paso por Fonmiñá. SILVIA IGLESIA

Despois de avanzar paseniño desde o Pedregal de Irimia, o pai dos ríos galegos chega a Fonmiñá feito un mociño e é nesta paraxe natural da Pastoriza onde se nutre coas augas que emerxen dos mananciais subterráneos a través de rochas calcarias.

Por iso a lagoa de Fonmiñá se coñece, máis alá do debate entre os dous enclaves por levar o título de nacemento do río, como os ollos do Miño, debido ás burbullas que fragmentan a superficie calma do humidal e conviven nel cunha ampla variedade de vexetais, animais e microorganismos.

Escoitando o ruxir das follas secas, un pode emprender un longo percorrido ata Baltar a través dunha ruta de sendeirismo, á que proximamente se sumará outra que conduce ata o Pedregal. Alí tamén reside o deus Breogán, tallado en 1969 por Magín Picallo e Manuel Mallo, acompañado desde hai uns meses pola obra de Fernando Villapol: unha figura, metade pastor e metade Neptuno, que representa o poema Pastor de ríos, de Aquilino Iglesia Alvariño, e que senta sobre catro libros, un deles coa firma de Cunqueiro.

Deus Breogán

Fonmiñá é sinónimo de orgullo para o seu concello, por iso se segue traballando na súa posta en valor, proxectando nela un centro de interpretación que aunará a riqueza da que dispón o Alto Miño.

FONMIÑÁ
O lugar. A lagoa de Fonmiñá, de 350 metros cadrados, atópase á beira da LU122, que une Paraxes con Lourenzá. A área recreativa promoveuna a Confederación Hidrográfica Miño Sil e a ruta PR-G-153 Augas de Fonmiñá, de 12,6 quilómetros que leva ata Baltar, foi homologada en 2011.

A fauna. Entre algunhas das especies que habitan na lagoa están a troita, o espiñento ou a boga de río, así como merlos, rás, lavancos, garzas reais e lontras, entre outros.

As visitas. O acceso é totalmente libre.

Fonmiñá. SILVIA IGLESIA 

Comentarios