A CHAIRA, 15 ANOS: OPINIÓN

Unha ollada ao futuro: á procura do valor engadido

Economista
Calculadora. EP
photo_camera Calculadora. EP

Cando en 2006 saíu A Chaira, tiñamos 46.340 habitantes; agora só 39.702: alá van 6.638, un 14,3%. A gravidade desa perda supón a poboación de tres dos nove concellos chairegos (Abadín, A Pastoriza e Muras) e aínda 734 persoas máis. A idade media (52,3) supera á de Galicia (47,5) e Lugo (49,9). O envellecemento demográfico tamén se reflicte na análise por idades: un 33% da poboación ten polo menos 65 anos (25% en Galicia) e só un 12,7% baixa de 20 (16% na media da nación). 

O sector primario é a nosa gran fortaleza. A nosa provincia concentra case a metade do sector lácteo galego (45%) e Terra Chá é a súa columna vertebral: case un 30% do total de Lugo. O ‘buque insignia’ chairego a nivel gandeiro é A  Pastoriza (número 1 de Galicia en produción láctea); séguelle Castro de Rei (terceiro da nación). 

E o tecido produtivo é o minifundismo empresarial. Reflicte o predominio das empresas de moi pequena dimensión: de cada 100, só 25 xeran emprego asalariado (de 5.409, en 4.086 non hai traballo por conta allea); das maiores empresas, só catro teñen polo menos 100 persoas empregadas e oito xeran de 50 a 99 postos de traballo. Pola forma xurídica, o prototipo de empresa capitalista (S.A.) supón só un 2%, pois son once entre as 5.409 empresas.

O futuro e o maior benestar pasarán pola consolidación da nosa primacía gandeira e a achega de valor engadido aos nosos recursos (leite, madeira...) cunha industria agrogandeira e outra forestal potentes, que pechen aquí os ciclos produtivos e xeren os empregos necesarios para que a emigración sexa unha opción e non unha obriga. O desenvolvemento económico-social dinamizarase coa tracción conxunta dos sectores primario e industrial, que tirarán dos servizos e diversificarán o tecido produtivo.

Comentarios