A Oficina Agraria Comarcal de Meira organiza cinco xornadas de formación

Os cursos, que se levarán a cabo mañá venres 23 e en novembro, céntranse na produción de leite, no pastoreo e na fertilización
Xatas. EP
photo_camera Xatas. EP

A Oficina Agraria Comarcal de Meira inicia mañá unha serie de cinco xornadas formativas, dirixidas ao sector primario, realizadas no marco do Plan de Formación Agroforestal do ano 2020.

"Coa intención de adaptarnos ao marco xeral no que nos atopamos e tendo en consideración o sector ao que vai dirixido a formación, decidimos promover xornadas presenciais e tamén semipresenciais", din dende a oficina, o que supón unha novidade con respecto a convocatorias anteriores.

A primeira xornada celébrase mañá de forma presencial e leva por título Como subir producións e calidades en produción de leite de pastoreo e ecolóxico. De 11.30 a 14.00 horas, a casa da cultura meirega acollerá as charlas e pola tarde, de 15.30 a 18.30 horas, farase unha visita a unha granxa de pastoreo de Chantada.

O segundo seminario, Pastoreo eficaz: PRV, holístico, racional; as técnicas de pastoreo e erros habituais de manexo no leite a pastoreo e no leite ecolóxico, levarase a cabo de xeito presencial o día 4 de novembro. Pola mañá, de 11.30 a 14.00, haberá charlas na casa da cultura e pola tarde visitarase unha explotación en Guitiriz. A modalidade online farase o 24 e a visita, o día 26.

A última proposta é Gandería ecolóxica: fertilización de millo e pradeiras. Abonos ecolóxicos, bioloxía do solo, laboreo e perfil do solo. O curso por videoconferencia está fixado para o 10 de novembro, no mesmo horario, e as prácticas de análise do solo faranse o día 13 na Pastoriza. A modalidade presencial será o 12, pola mañá na casa da cultura e pola tarde, a visita.

Todos os cursos teñen carácter gratuito e para solicitar máis información sobre calquera deles pódese chamar ao 982.87.05.13. O prazo de matrícula estará aberto ata o día antes da celebración ou ata completar as prazas. Para apuntarse pódese presentar a solicitude na oficina meirega ou enviar un correo a [email protected]

Comentarios