miércoles. 01.04.2020 |
El tiempo
miércoles. 01.04.2020
El tiempo

As obras da Casa dá Botica de Guitiriz poderán iniciarse ao fin tras anos de espera

Edificio da Casa da Botica, onde se situará a futura residencia de maiores de Guitiriz. AEP
Edificio da Casa da Botica, onde se situará a futura residencia de maiores de Guitiriz. AEP
O Concello de Guitiriz recibiu a autorización da Xunta para tramitar a licenza de obra e con ela dar comezo a uns traballos adxudicados pola Deputación en 1,2 millóns de euros

As obras para converter a Casa da Botica nunha residencia de maiores poderán iniciarse ao fin tras anos de espera. A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, mostrou a súa satisfacción ao recibir "por fin" a necesaria autorización da Xunta de Galicia para tramitar a licenza de obra e con ela dar comezo a uns traballos que foron adxudicados pola Deputación de Lugo á empresa Joca por 1,2 millóns de euros xa en marzo de 2019.

"A construción da residencia foi unha prioridade para o equipo de goberno desde o comezo do mandato, que se demorou máis do previsto por causas alleas a nós", explicou a rexedora, quen remarcou que agora o verdadeiramente importante é que "esta infraestrutura sexa por fin unha realidade".

Expresouse na mesma liña o presidente da Deputación, José Tomé, quen confirmou que eran conscientes de que se trataba dunha "nova moi esperada polos veciños, que levan moito tempo agardando para ver materializado un proxecto fundamental para a localidade, tanto para a mellora de benestar como para a creación de emprego sostible", dixo.

Ademais, confirmou que con este proxecto, que poderá comezar "nunhas semanas", o ente provincial continúa demostrando a súa "firme e clara vontade de cumprir con todos e cada un dos compromisos adquiridos cos concellos en materia de construción e posta en marcha das residencias, tal e como afirmamos dende o principio do noso mandato", indicou Tomé.

O presidente provincial destacou tamén a colaboración e o permanente contacto entre a administración local e provincial, unha boa sintonía que permitiu "avanzar na tramitación necesaria para dar comezo ás obras".

A dotación, que contará con tres plantas, disporá de 26 habitacións individuais, que poderían converterse en dobres

HISTORIA. O proxecto da residencia de maiores na Casa da Botica remóntase ao ano 2006, cando o PSOE aprobaba en pleno, co rexeitamento do PP, a compra do inmoble, que finalmente non se puido fraguar ao negarse un dos doce propietarios. O periplo da adquisición liquidouse en 2010, cunha ocupación simbólica, tras abonar 452.000 euros a donos e inquilinos.

En 2011 o Concello e a Deputación pactaron crear a residencia neste edificio, pero o PP gañou as eleccións municipais aos socialistas e o proxecto quedou freado durante catro anos.

Ata que Regina Polín —que apostou desde a súa chegada ao consistorio por conservar este céntrico inmoble— regresou á cadeira de brazos de mando e asinou un novo protocolo, que permitiu a adxudicación das obras, paralizadas ata agora, en marzo de 2019.

INSTALACIÓNS. A futura residencia de maiores de Guitiriz, que estará fronte á casa consistorial, contará con tres plantas e disporá de 26 habitacións individuais para uso normal, que poderían converterse tamén en dobres.

A planta baixa reformarase para albergar a cociña e zonas de servizo, o comedor, despacho de dirección, aseos adaptados ou unha sala de reunións. Na planta superior haberá unha sala multiusos, locais para fisioterapia e ximnasio, ademais de despachos médicos ou habitacións de enfermería.

As obras da Casa dá Botica de Guitiriz poderán iniciarse ao fin...
Comentarios