As obras da Avenida Terra Chá estarán finalizadas no mes de novembro

Ethel Vázquez recordou que o proxecto supuxo un investimento da Xunta de 650.000 euros
Visita a las obras de la Avenida Terra Chá. C. PÉREZ
photo_camera Visita ás obras da Avenida Terra Chá. C. PÉREZ

As obras de renovación da Avenida Terra Chá de Vilalba, ás que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destina uns 650.000 euros de fondos propios, estarán concluídas no mes de novembro, se todo continúa segundo o previsto.

A conselleira Ethel Vázquez supervisou a marcha dos traballos, de cuxa materialización se responsabiliza unha Ute formada por tres empresas e que supera xa o 50% de execución. A intervención comprende un tramo de ao redor dun quilómetro da travesía, un das principais arterias de comunicación da capital chairega.

Vázquez, acompañada por representantes do seu departamento, responsables da obra e unha parte da corporación municipal, detallou que esta actuación conta con tres grandes eixos: a mellora da accesibilidade, da mobilidade e da seguridade viaria.

O goberno local prevé realizar un proxecto alternativo para complementar a obra autonómica

Así, entre as intervencións destacables figuran a renovación do firme das zonas de aparcadoiro —quedarán máis de 200 prazas, seis para persoas con mobilidade reducida— e da calzada, na que ademais se habilitarán cinco pasos de peóns, tres deles sobreelevados. Tamén se mellorarán uns 6.000 metros cadrados de beirarrúas, nas dúas marxes da travesía e dotarase a rúa dun novo colector de saneamento.

A visita da conselleira non estivo exenta de polémica, pois o convenio da obra asinouse en xaneiro, cando gobernaba o PP en Vilalba, e o actual equipo socialista solicitara cambios no proxecto, como a separación de pluviais e fecais e unha maior humanización da vía, que non chegaron a incluírse.

A alcaldesa, Elba Veleiro, agradeceu a actuación, pero asegurou que era "unha pena" que non se atenderon as súas demandas e avanzou que o goberno local prevé realizar un proxecto alternativo para complementar a obra autonómica, unha crítica que cuestionou Vázquez. A representante da Xunta de Galicia quixo incidir no importante investimento que asume o ente en solitario para mellorar este espazo, que se corresponde coa travesía urbana da antiga LU-126 e que hoxe é titularidade municipal, tras ser transferida ao Concello en 2010.

Estación de buses â??Estudar un cambio de uso
Vázquez detallou na súa visita a Vilalba o escaso uso que se fai da estación de buses, con apenas uns 30 usuarios, e mostrou a disposición da Xunta a ceder o edificio ao Concello e estudar alternativas de uso para as instalacións, sen deixar de prestar servizo aos viaxeiros —propúxose colocar dúas marquesiñas no exterior—. Ademais, recordou que a concesionaria debe manternerla en boas condicións. A este respecto, Veleiro asegurou que o Concello prevé elaborar un proxecto no que se detallen posibles aproveitamentos do inmoble.

Comentarios