Obituario: Pesar nas Pontes polo pasamento de 'Pedrón', que inspirou un documental

José María Tojeiro Pita, que tiña 85 anos, será despedido este venres no Freixo

Pedrón, durante a rodaxe. ARCHIVO
photo_camera Pedrón, durante a rodaxe. ARCHIVO

Nun recuncho solitario ao pé do cumio do monte Caxado, sen máis compaña que a de catro cans, un gato, varias galiñas e algún que outro pato, foi onde pasou toda a súa vida José María Tojeiro Pita, ‘Pedrón’. Un veciño de 85 anos que será despedido hoxe, ás 16.30 horas, por familiares e amigos na misa funeral que terá lugar na igrexa parroquial do Freixo, nas Pontes.
 
A súa vida inspirou un documental do profesor Ángel Cordero, quen manifestou o seu desexo de seguir adiante coa presentación na Coruña deste traballo, programada para o próximo día 26 no teatro Colón, “porque él lo querría así”.
 
Cordero quedou fascinado, coma todos aqueles que tiveron a ocasión de coñecelo, pola naturalidade e pola vida, pura e dura, de Pedrón. Nado na mesma casa do Vilar na que pasou toda a súa existencia, súa nai abandonouno con tres meses e seu pai nunca o recoñeceu, malia que herdase o seu alcume. Pedrón criouse coa súa avoa e con dúas tías e xa aos dez anos e sen pasar moito pola escola comezaría a traballar.
 
Sempre agarrado ao seu inseparable cigarro, botando a cinza ao lume que quentaba unha cociña na que o reloxo se detivera para sempre, recibía a diario visitas de veciños e de coñecidos cos que compartía charlas interminables e aos que agasallaba cun tarriño de mel elaborado por el.
 
Para subsistir, ademais de pescar ou de recolectar setas, tamén tivo gando, “as mellores vacas de todo O Freixo”, como el dicía sempre con ese sorriso que se fixo aínda máis grande cando tivo ocasión de ser o protagonista do documental ‘Pedrón do Freixo. Unha historia da terra das Pontes’. Unha peza audiovisual que axudará a que este home, bo e xeneroso, sexa recordado para sempre.

Comentarios